07/12/2011

Particularidades do mercado laboral mugardés


Xuntémo-los datos do paro rexistrado por sector de actividade cos de afiliacións á Seguridade Social en alta laboral segundo o sector de actividade. Empreguemos unha mostra porcentual (100 persoas) e comparemos os datos de Mugardos cos dos concellos do contorno (nomeadamente a ría de Ferrol máis Cabanas e Pontedeume). Velaquí algunhas plusmarcas mugardesas:

  • Somos o concello con máis poboación rexistrada no sector da Agricultura e Pesca (5,3%). Máis do dobre do conxunto (2,1%).
  • Somos, tamén, o concello con máis poboación en paro dos sectores da Industria (4,3%) e a Construcción (4,4%).
  • O sector Servizos ocupa en Mugardos ao 47,3% da poboación (Pontedeume ou Ferrol superan o 55% e a media sitúase no 53,4%). Neste sector rexístrase un 58,2% do mercado, moi por debaixo do 66,4% de promedio, ou do 63,1% de Ares.
  • Canto á poboación pertencente ao sector da Construcción, as cifras mugardesas tamén son notables: 14,8% de rexistros, só por debaixo de Cabanas (15,3%). A media na áreas sitúase no 10,7%.
Os datos, de outubro do 2011, debuxan un perfil laboral moito menos industrial do que se podería percibir e con moito menos peso do sector servizos (onde se encadra o Turismo, ese Santo Grial da economía mugardesa) do que calquera outro concello da bisbarra con menos pretensións anunciadas. ¿Abondará coa posta en marcha do Castelo da Palma ou será preciso un pulo xeral da actividade turística? ¿Están esgotadas as promesas industriais?

5 comentários:

  1. Ollo aos datos: temos máis poboación ocupada en pesca e agricultura que calquera concello da área; temos menos xente ocupada no sector servizos; temos un paro rexistrado na Industria que chega ao 24,1% e na Construcción ao 30,1%.

    Hoxe mesmo Teresa Carnero (Patrona maior da confraría mugardesa) laiábase do pouco valorado que está o marisqueo. Marisqueo que nutre ás empresas de restauración da vila. Vila que goza de recoñecido prestixio gastronómico. Sen embargo esta situación atópase cunha debilidade (os datos apuntan que a hostalería, restauración e hospedaxe están subdesenvolvidos) e unha ameaza (a construcción dunha estación de bombeo de augas residuais no paseo marítimo, epicentro do noso atractivo turístico).

    Sendo así as cousas, poderiamos estar matando á galiña dos ovos de ouro. ¿Non sería mellor centrármonos no eixo marisqueo-restauración, como en tantas vilas das Rías Baixas, e blindalo de actuacións agresivas (ora industrias contaminantes, ora instalacións mal localizadas)? Pregunto.

    ResponderExcluir
  2. Ciertamente. Todo cuanto dice es cierto. Pero hay mucha hipocresía: se puede hablar de las aguas fecales, de Reganosa y de Forestal. ¿Pero se puede renunciar o tan siquiera hablar de Navantia y de Megasa?

    ResponderExcluir
  3. Navantia e Megasa non entran dentro das competencias locais. Si entra, nembargantes, a localización da estación de bombeo de augas residuais. Todas as localizacións que se barallan están dentro do paseo marítimo, con maior ou menor impacto. Tendo en conta que Mugardos non dispón de separación de fecais/pluviais na rede pública (si se esixe en novas instalacións particulares) atopámonos co problema que supón calquera día de chuvia abondosa: desbordamento da estación de bombeo = verquido directo do excedente ao mar = cheirume na ribeira mugardesa (paseo marítimo). Isto, ademais dun handicap para o sector hostaleiro, evidencia unha miopía (sendo xenerosos) política absoluta. ¿Hai proxecto de pobo a medio-longo prazo? ¿Cal é? ¿Como se pode estar falando dun plan integral de desenvolvemento turístico ao tempo que se lle poñen paus nas rodas? ¿Por que non existe aínda o primeiro metro de rede de sumidoiros separados para pluviais e fecais? ¿Por que non se aproveitaron as obras na rúa María para comezar por aí? ¿Que pasa na rúa María cada vez que chove con xeito logo de varios días secos?: Que cheira que fede. Iso sábeno os veciños e saberano os visitantes que veñan a Mugardos e paséen polo supostamente atractivo casco vello mentres aguantan a respiración. NON HAI PROXECTO DE VILA. A PLANIFICACIÓN É NULA. O DESASTRE É ABSOLUTO.

    Ía rematar cun "merecémolo", pero ata xa non o teño tan claro.

    ResponderExcluir
  4. Como se di no comentario do anónimo é certo e cada vez máis constatable que hai moita hipocrisía , hai moita mentira e falsidade , pero aínda é moito peor o que resume Artritris ao final : A AUSENCIA DE PROXECTO E PLANIFICACION MUNICIPAL .

    ResponderExcluir