12/08/2011

¿Canto nos custan os representantes políticos?


A regulación das percepcións dos cargos políticos establécese sempre nun primeiro pleno extraordinario ao comezo do mandato. En Mugardos este celebrouse o pasado 7 de xullo e entre as decisións acordadas destacan as seguintes:
  • Pasouse de 1 dedicación exclusiva (Alcaldía) + 3 dedicacións parciais (1 BNG, 1 PP e 1 PSOE, ainda que os socialistas renunciaron a ela dende o primeiro momento); a 3 dedicacións exclusivas (BNG, EU e PSOE) + 2 dedicacións parciais (BNG e PP).
  • A contía asignada ás dedicacións exlusivas e ás dedicacións parciais é exactamente a mesma: 1000 € brutos/mes. Descoñécese o motivo de esta diferenciación exclusivamente nominal.
  • O Alcalde deixa de ter asignada unha dedicación exclusiva, sen embargo, a suma das distintas indemnizacións por asistencias a tódolos órganos colexiados sitúa as súas percepcións mensuais á par das dedicacións parciais e exclusivas, sumándoselle agora a xubilación. En termos contables, non semella exactamente un especial sacrificio persoal.
  • Finalmente, as comisións non estableceron o voto ponderado para reducir os seus compoñentes a 1 por partido (como si acontecía en mandatos anteriores ao 2007) e reducir gastos.
  • No PP e EU a persoa con dedicación (exclusiva ou parcial, tanto ten) é quen máis órganos colexiados ten asignados. Do mesmo xeito, amosan o reparto máis equilibrado de representación nestes órganos por parte dos seus concelleiros/as (50%-40% no PP, 50%-30% en EU). Podemos dicir que as persoas con dedicacións exlusiva asumen esta dedicación cunha maior presencia nas xuntanzas políticas.
  • BNG e PSOE, pola contra, asignan dedicacións aos membros con menos participación nos órganos. Caso paradigmático é o de Xoán Xosé Roca, cunha dedicación parcial dedicada unicamente á delegación de Obras, Servizos e Persoal, sen ningun tipo de presencia en calquera outro órgano máis que o Pleno e a Xunta de Goberno.
  • As comisións de Obras, Servizos e Persoal, e Urbanismo, Industria e Medio ambiente están formadas exclusivamente por homes. Só na de Benestar, Igualdade, Sanidade, Ensino e Política Lingüística as mulleres atinxen un 50%. Na Mesa de Contratación, cun representante por cada partido, suben ao 60%.
  • Xosé Antón Bouza é o edil sen dedicación exclusiva que percibe maior cantidade en concepto de indemnización por asistencia (ata 700 € brutos/mes). Participa ata nun 70% dos órganos. No extremo oposto, Ramiro Pérez e Genaro Prieto, cunha participación no 30% de órganos, son os que menos cobran.
Velaquí deixo a gráfica, da que cada quen poderá obter as súas propias lecturas.

2 comentários:

  1. Como norma xeral paréceme xusto e coveniente que exista un sistema de indemnizacións , compensacións ou dedicacións exclusivas , parciais ou totais , para facilitar o acceso ao exercicio , neste caso , de cargo público municipal de forma xeral e en especial a todas as persoas que por iso poidan ver minguadas as súas retirbuciones profesionais ou o seu acceso ao mercado de traballo.

    Dito o anterior teño que dicir tamén que dito sistema de compensación económica debera de estar regulado e establecido previamente e , como norma xeral , en función do orzamento municipal e do número de habitantes do Concello en cuestión.

    Dicir finalmente que non me parece razoable que sexan os propios interesados , refírome ao conxunto da Corporación Municipal , os que acorden e establezan as devanditas condicións. Tampouco me parece xusto que poida darse o caso que a persoa que se limita simplemente a ocupar o cargo poida cobrar igual , ou máis, que a que o exerce con verdadeira dedicación vocacional e responsable.

    Esta pequena reflexión que en principio vai dirixida ao ámbito local ou municipal, non deixa de ser válida á vez para o conxunto dos nosos responsables políticos a todos os niveis .

    ResponderExcluir
  2. Está o Concello estupendamendamente así:
    ¡Total, para a xentiña á que representan!...

    ResponderExcluir