28/04/2011

22M: Candidaturas paritarias


Explicándoo brevemente, a lei de paridade obriga ás candidaturas a presentar, en cada tramo de 5 candidatos/as (1 a 5, 6 a 10...) un mínimo do 40% de mulleres ou homes, o que na práctica supón que de cada 5 persoas teña que haber 3 dun xénero e 2 de outro. Con isto, velaí os fríos números da paridade:
  • Só unha candidatura (EU-IU) vai encabezada por unha muller.
  • Só unha candidatura (PP) inclúe maioría de mulleres (7 fronte a 6).
  • Só unha candidatura (ME) non apura a lei de paridade para colocar unha muller no quinto posto.
  • Ningunha candidatura alterna homes e mulleres (a chamada "cremalleira") ata o final da lista.
  • Ningunha candidatura presenta maioría de mulleres no primeiro tramo de 5
  • O PP apura ao máximo a lei de paridade en favor dos homes, que ocupan os postos 1, 2 e 3, fronte ás mulleres (4 e 5).
  • BNG e PSOE calcan a súa relación de homes-mulleres agás nos a priori testemuñais postos 12-13.
  • Se atendemos ao tramo dos 3 primeiros atopamos 4 mulleres e 11 homes (27%).
Outro xeito de velo:


Desbotei o cómputo dos suplentes pola súa disparidade. Estes adoitaban ser 3 en tódalas candidaturas ata as eleccións municipais do 2007, cando o BNG presentou ata 5 que ao final case nin lle abondan. Nesta ocasión o BNG reduce ata os 3 suplentes, como Mugardos na Esquerda; PP e EU-IU suben a 4, e o PSOE dispárase ata os 7, conformando unha candidatura de 20 persoas, a máis ampla nunhas eleccións municipais onde só se xogan 13 postos.

Podedes lembrar os datos paritarios do 2003 aquí, e do 2007 aquí.

Un dato: as eleccións municipais do 2007 levaron ás mulleres a ocupar 5 dos 13 asentos do Pleno (38,5%). Agás sorpresa, esta proporción reducirase no 2011.

20/04/2011

As pesetas de Portomagno



O caudal retro-monetario que comezou a arribar en Mugardos en marzo facíaseme digno dunha homenaxe ou, se o preferides, de non deixar pasar a oportunidade de compartir con todo o mundo esa pequena parte da memoria que pasou polas nosas mans nalgún momento. Agradecerllo fundamentalmente a Portomagno, cuxa colaboración, obviamente, resultou imprescindible. Se máis consigo nos vindeiros meses (porque o mes da peseta alongouse ata setembro), máis comparto. Que vos preste o flashback.

14/04/2011

O home que non sabía traballar en equipo


Espetáballe Ignacio Fernández (PSOE) a Xosé Antón Bouza (BNG) no debate televisado en Canal 31 que "se a lexislatura dura outro ano máis non lle quedan nin os suplentes na lista para seguir gobernando". E a un quédalle o regusto de que a frase non anda moi desatinada.

Dende que Xosé Fernández Barcia accedeu ao Concello de Mugardos no 1999 para ocupar o cargo de Concelleiro de Obras, Servizos e Persoal do cuatripartito PSOE-BNG-EdeG-EU son xa dez as persoas que traballaron ao seu carón baixo as mesmas siglas. Porén, unicamente un, Moisés Rivadulla, foi quen de continuar logo de completar unha lexislatura; e só outro, Xosé Antón Bouza, está en disposición de repetir fazaña se o BNG obtén alomenos 3 concelleiros o 22-M.

Apenas un ano despois de tomar posesión Elvira Roiz causaba baixa por motivos persoais na Concellaría de Medio Ambiente e Sanidade para ser substituída por Moisés Rivadulla, quen permanecería ata 8 anos xunto a el.

No 2003, xa como Alcalde, estreaba como compañeira e compañeiro a Margarida Corral e Evaristo Deus. O cuarteto Barcia-Moisés-Margarida-Evaristo resistiría toda a lexislatura (o pacto co PSOE só a metade), mais ao seu remate Evaristo desaparecía da candidatura do 2007 e Margarida pasaba a ocupar un testemuñal último posto (sen suplentes).

E chegou a lexislatura 2007-2011 cunha renovada lista que o propio Barcia confeccionou ao seu gusto logo de que o sector crítico desbotase presentar proposta. Cos cinco edís acadados polo BNG a el e Moisés sumábanse agora Carolina Cruz, Xosé Antón Bouza e Anxos Díaz. Moisés dimitía ao ano por cuestións persoais. Substituíao Xosé Xoán Roca (6º na candidatura). Tras Moisés dimitiría Carolina Cruz no 2009 aducindo o mesmo motivo e a lista correría tres postos por mor da renuncia ao cargo de Elvira Roiz (7ª) e Xoán Aurelio Fernández (8º) para chegar a Gloria Fornos (9ª). Esta última presentaría a súa dimisión no Pleno do 25 de Marzo de 2011, de novo por motivos persoais e sen tempo xa para ser substituída por mor da inminente convocatoria das eleccións municipais. Catro meses antes facíao Anxos Díaz, quen si recoñecía profundas discrepancias políticas con Xosé Fernández Barcia. Miguel Rodríguez (10º), unha das 14 persoas que causaban baixa no BNG pola manipulación do censo en favor da candidatura de Barcia, renunciaba a ocupar o posto de Anxos Díaz e convertía a Tania Fernández (11ª e sobriña do Alcalde) na décima persoa en traballar ao seu carón en tan só tres lexislaturas.

De haber tempo dabondo para substituír a Gloria Fornos chegaría a quenda de David Cortizas (12º) quen, de renunciar tamén ao cargo poñería en serios apuros a X.F.B. para rematar a lexislatura con 5 edís: nin Margarida Corral (13ª), nin Bruno Freijomil (14º), nin Inés Pérez (15ª), nin María do Carme Díaz (17ª) viven xa en Mugardos. E esta última, xunto con Ramón Bello (18º), forman parte do grupo de críticos que mantiveron a súa afiliación ao BNG tra-la manipulación do censo. Dependería, por tanto, da decisión de Belarmino Feal (16º), quen a bo seguro nunca tería imaxinado que ocupando o antepenúltimo posto nunha candidatura de 18 persoas se atoparía en situación semellante.

12/04/2011

Debate coxo en Canal 31 (e Cadena Cope)



Xosé Antón Bouza (BNG), Ignacio Fernández (PSOE) e Juan Domingo de Deus (PP) foron os tres participantes do debate sobre o balanzo da xestión municipal 2007-2011 do pasado xoves 7 en Televisión Ferrol Canal 31. Así, de primeiras, bótase en falta a presenza da cuarta das candidaturas confirmadas para as eleccións, a de EU-IU. Consultando directamente polo asunto a Pilar Díaz souben que non recibiron convidación de Canal 31 para participar no programa. Mal comeza a canle ferrolana se a súa intención é ofrecer un servizo informativo plural e veraz.

Non puiden ver o debate en directo, polo que só accedín via YouTube á súa primeira parte (dividida en catro vídeos). As miñas impresións foron:

  • O único candidato á Alcaldía foi Juan Domingo. O BNG enviou ao voceiro do Grupo Municipal, número 3 para o 22 de maio. Polo PSOE Ignacio substituiu ao voceiro do seu Grupo Municipal, Juan Fernández, mais ningún dos dous se presenta ás eleccións este ano.
  • O único en empregar o galego foi Xosé Antón Bouza, ainda que nalgunha ocasión para mentir, afirmando que tódalas dimisións de edís do BNG durante a lexislatura foran debidas a cuestións persoais. Pódese demostrar cunha simple consulta á acta do Pleno de decembro do 2010.
  • Para Bouza o resumo de goberno é sinxelo: foi todo "unha marabilla" de xestión, con diálogo aberto dende o goberno aos partidos da oposición. Que ninguén procure indicios da máis mínima autocrítica, porque non o ha de atopar.
  • O discurso de Ignacio basicamente consistiu nun "fixéronse cousas, pero todo foi grazas ao PSOE na Deputación, no tempo que gobernou a Xunta, e no Estado", malia que recoñece ter mantido xuntanzas estériles con Elena Espinosa ou Xavier Carro.
  • Juan Domingo lanzoulle varios dardos a Bouza: falta de participación (compartido con Ignacio), inmobilismo provocado por contínuas crises internas, promesas tardías. Contradíxose cando, logo de criticarlle a Bouza a mención de "proxectos futuribles" nun debate de balanzo de xestión, aproveitou para anunciar unha proposta non de lei para desenvolver os Bens de Interese Cultural (BIC). Iso tamén é "futurible", Juan Domingo.
  • Polo visto, o grande problema turístico de Mugardos é o bloqueo do hotel no Castelo da Palma. Como se fose iso o que solucionase o problema das 0 camas dentro do casco urbán da vila ou do relanzamento da Festa do Polbo, agora que xa ten a etiqueta de Interese Gastronómico. ¿Alguén notou especial cambio respecto aos anos nos que non o era, aparte do medre da "zona VIP"? Só Juan Domingo pareceu interesado en renovar as ideas da data máis sinalada do calendario mugardés.
Polo demais, é unha mágoa que debido a un erro técnico non se poida consultar vía web a segunda parte do debate, onde se abriron os teléfonos ao público. É de supoñer que haberá máis programas dedicados á campaña electoral en Mugardos que podamos debullar. Para daquela sería desexable que Canal 31 tivese a ben convidar a tódalas candidaturas en disputa da Alcaldía. Por iso de podérmonos formar unha opinión contrastada.

Actualización a 13/04/2011

Hoxe ás 19:30 a Cadena Cope Ferrol entrevistaba, por separado, a tres dos candidatos: Juan Domingo de Deus (PP), Carlos Fernández (PSOE) e Xosé Fernández Barcia (BNG). Chama atención novamente a ausencia de Pilar Díaz (IU).

  • Comezaba Juan Domingo, que continuaba a voltas co Castelo da Palma e a iniciativa de desenvolvemento dos BIC presentada polo PP, aínda que engadía novas cuestións no incipiente debate turístico da vila como a inexistencia dun plan integral. Sobre as políticas do mar non soubo dicir nada con máis substancia que "estivemos a carón da xente". Apuntou ao conxunto da oposición como parte fundamental para sacar adiante a piscina mancomunada e o campo de herba artificial.
  • Carlos Fernández gababa as cifras da súa candidatura: 10 mulleres, 10 homes, 38,5 anos de media, 50% de afiliados e 50% de independentes. Destacaba o "obscurantismo, sobre todo nos últimos catro anos" do goberno de Fernández Barcia, mais evitaba pronunciarse sobre un pacto post-electoral co BNG e trataba de esquivar a pregunta cun "non imos necesitar pactar con ninguén" que semella pouco críble. Sobre a situación económica en Mugardos, lembrou a dimensión "europea" da crise, mais prometeu mellorar a participación de veciños, asociacións, turismo, cultura, inversións ou servizos. Denunciou a arbitrariedade das subvencións a entidades sen fin de lucro.
  • Xosé Fernández Barcia comezou a entrevista lanzando unha batería de promesas: facer de Mugardos un referente turístico, construír unha ronda de saída do peirao da vila, sendas peonís en Santa Lucía e O Segaño, prazas de aparcamento, mellorar a Festa do Polbo... Cando a xornalista lle preguntou sobre a crise interna desatada no BNG de Mugardos nas últimas datas Barcia confirmaba que a consigna electoral do BNG sobre ese tema será clara: mentir. Así, negaba calquera crise e acusaba ás persoas que marcharon da organización nacionalista de estaren "traballando para outras forzas políticas" xa antes de causar baixa.
  • Por último, destaca a pregunta común que se lles fixo aos tres candidatos arredor de dous problemas que os veciños de Meá veñen denunciando a respecto das industrias de Punta Promontorio: os cheiros contínuos e a demora na aplicación do Plan de Emerxencia. Juan Domingo aseguraba ter mantido xutanzas co Director Xeral de Protección Ambiental, o Director Xeral de Protección Civil e o Conselleiro de Presidencia, mais agárdase aínda polos seus froitos. Carlos respondía de xeito errático, anunciando unha "posición intermedia" e lembrando que "uns veciños están en contra e outros a favor" (?) antes de dicir que faría "cumprír tódalas obrigas das empresas". A Barcia abondoulle con asegurar que "Reganosa é imposible que produza cheiro, en todo caso Forestal" (a xornalista preguntáballe polo conxunto de Punta Promontorio) e aproveitaba para reclamarlle a Xunta maior implicación para poñer a andar o plan de emerxencia.

01/04/2011

Subvencionar en tempos de crise (I): o contexto


Comezo aquí unha serie de artigos de análise das subvencións a entidades sen fin de lucro que o Concello de Mugardos concedeu durante os anos 2005 a 2010. E comezo facendo unha breve composición de lugar:

Durante os últimos 25 exercicios o Concello de Mugardos mantivo un crecemento medio dos seus orzamentos do 12,5%. Só decreceu en catro ocasións, a última delas o ano pasado, cando se reduciu nun 4,47% respecto do 2009, ano que probablemente manteña a "plusmarca" durante algún tempo debido á crise económica e algunha cuestión máis.

A instalación da pranta regasificadora en Punta Promontorio aportou ás arcas municipais, entre licenza de obra, Imposto de Bens Inmobles (IBI) e Imposto de Actividades Económicas (IAE) algo maís de 7 millóns de euros entre 2004 e o 2010. Isto é: Reganosa aportou nos últimos 7 anos 1 de cada 6 euros dos presupostos.

Sen embargo, non houbo un reflexo claro na partida destinada á colaboración económica coas sociedades mugardesas, que viron como aquela minguaba do 0,57% no 2005 ao 0,48% no 2010 malia os anos de bonanza. O aparente destaque do 2008, con 5.850 € máis ca o ano anterior destinados a subvencións, non é tal se o observamos en termos porcentuais. De manter o 0,57% do 2005 no 2008 a partida tería sido 1.358 € meirande, e ata 7.598 € no 2009. Coa reducción dos ingresos ao Concello abondaríalle con manter a partida para achegarse de novo aos valores do 2005. En troques, 2009 e 2010 foron os anos de menos esforzo económico neste capítulo. A sensación xeral é a de certo inmobilismo, incluso retroceso, onde o Concello procura manter unha previsibilidade, unha pax romana co movemento asociativo, evitando entrar de cheo nunha reforma (verdadeiramente, unha redacción completa) dunhas bases reguladoras rigorosas, obxectivas e transparentes.


En vindeiros artigos irei debullando o statu quo desta pax subvencionada.