25/03/11

O duodécimo xogador na Pedreira


Custou moito tempo recuperar unha categoría que ao Galicia lle pertence pola súa historia, pola súa masa social, polo seu prestixio como un dos mellores clubs aficionados de Ferrolterra. A do ano pasado foi a mellor clasificación do Galicia de Mugardos en 25 anos, desque a mediados dos 80 rematara 6º, naqueles tempos nos que chegara a rozar cos dedos da man a Terceira División.

Os tempos seguen sendo bos, o Galicia segue loitando na división de prata do fútbol galego, pero a realidade demóstranos o excepcional da campaña pasada e lémbranos o que custa a categeoría. Hai seis anos non fomos quen de manternos. Tardamos catro tempadas en volver, pero non queremos marchar.

O domingo ás 17:00 a afición galicista será o duodécimo xogador no campo da Pedreira. Contra o Foz romperemos esa xeira de sete partidos sen coñecer a victoria que nos condena ao sufrimento. Son cinco as citas que restan na Pedreira, só cinco, e o equipo precisa dos seus seareiros. Pagará a pena, como nas grandes xornadas que nos ten ofrecido.

10/03/11

Dereitos, favores e o oitavo mandamento


"Non dirás falso testemuño nin mentirás." oitavo mandamento do Catecismo Católico.

Vivimos nun Estado aconfesional. A relixión non é cultura, é relixión. Por iso a Administración Pública distingue as agrupacións culturais das relixiosas e as clasifica en distintos rexistros. Diferéncianse así os recursos públicos destinados a financiar as actividades culturais, non restrinxidas por motivos de culto, do financiamento a actividades relixiosas, que dispoñen do seu propio Rexistro de Entidades Relixiosas.

As confrarías que participan na Semana Santa ferrolana, por exemplo, segundo recollen nos seus respectivos sitios web, son ordes, irmandades, asociacións de fieis... pero non asociacións culturais.

Mugardos is different.

En Mugardos, en troques, a Cofradía de Jesús de Nazareno, malia non ocultar unha estrutura interna idéntica á das ordes ferrolanas (fundanda e con sede canónica na propia Igrexa de San Xiao de Mugardos, con Irmán Maior, Conselleiros de Organización, Culto e Convivencia, etc.), esquivou a regulamentación do Rexistro Provincial de Asociacións, que exclúe expresamente "igrexias, confesión e comunidades relixiosas" e inscribiuse como asociación cultural, á par de entidades como o Galicia de Mugardos o Club do Mar, a Comunidade O Zulo ou a Asociación de Montaña e Escalada Bestarruza. Non fixo así Portomagno, malia desenvolver en ocasións actividades de indubidable interese socio-cultural, como a campaña anual "Recicla co comercio" (aberta a tódalas nenas e nenos dos colexios do municipio, sexan ateas/os ou da fe católica, protestante, budista, xudía ou musulmana), e si se rexistrou en concordancia coa súa natureza como asociación de empresarias/os.

Pero é que así, os nazarenos podían entrar no reparto dos recursos públicos que o Concello de Mugardos destina ás actividades culturais. Se eles mesmos non caeran na conta, alguén debeu de asesoralos. Porque, simpatías persoais do rexedor coa fe católica aparte (lembremos a súa abstención na moción a favor do matrimonio homosexual, rompendo a disciplina de voto do BNG, e a defensa que fixo "do que é natural"), os nazarenos entraron con bo pé grazas a unha practicamente nula regulación das subvencións municipais (ver aquí tamén) que abre de par en par as portas ao amiguismo, ao clientelismo e á arbitrariedade que, de poder (e poden), entrarán ata a cociña. O PSOE preguntaba no Pleno do 30 de decembro do 2010 a que se debía que esta Cofradía de Jesús de Nazareno recibise maior subvención que a Asociación de Pensionistas e Xubilados/as Piñabeta, a Asociación Cultural Rondalla Mugardesa ou a Asociación de Empresarios/as de Comercio e Hostalería Portomagno. Non houbo resposta.


A Festa do Polbo tamén é unha boa ocasión para recibir axudas públicas por parte do Concello. As asocións que dispensan polbo á mugardesa na carpa da festa recadan o beneficio neto da súa venda, logo de que o Concello sufrague o custo do cefalópodo.

Jesús de Nazareno chamou ás portas da Festa do Polbo este ano e o BNG abriullas gustoso. Mais na Comisión de Cultura e Deportes atopouse coa oposición da Oposición (claro). PP, PSOE, EU-IU e IpMU opuxéronse a que a confraría relixiosa absorvese parte dos beneficios dun pastel pulpeiro que ten como finalidade axudar ás sociedades que desenvolven un traballo cultural ao longo do ano, de utilidade pública para o conxunto da cidadanía. O BNG quedou só e a proposta envainou. Jesús de Nazareno reclamou e, en xesto cómplice, o PP decidiu entón absterse para concederlle o mérito ao BNG de ser o único grupo político responsable da consumación da irregularidade. E o BNG consumouna, desoíndo as opinións contrarias do resto de grupos.

A explicación do Goberno

Pero, ¿con que argumentos se defende o BNG? Para o presidente da Comisión de Cultura non había outra opción que a de incluír á agrupación relixiosa na Festa do Polbo, xa que forma parte de pleno dereito do rexistro de asociacións e a súa solicitude cumpría "en tempo e forma". Á marxe da sospeitosa inscrición da Cofradía de Jesús de Nazareno como asociación cultural, ¿a que tempo e a que forma se refire o concelleiro de Cultura? Tras vinte edicións (dende o 2010 declarada de Interese Gastronómico pola Xunta de Galicia) e o paso de distintas organizacións políticas pola responsabilidade na área (agora o BNG, mais antes tamén o PSOE), a Festa do Polbo continúa sen un regulamento que estableza unhas normas, uns dereitos e unhas obrigas das partes implicadas (Concello e sociedades). Todo é discrecional, sen regras, dende o que atinxe ás sociedades participantes ata o protocolo a seguir canto á mesa presidencial, a onde se convidan ou exclúen ao resto de entidades a criterio do propio Alcalde, que, de feito, ten excluído a sociedades inscritas tamén no rexistro municipal (como a Portomagno, a A.C. Bezoucos ou a A.V. O Cruceiro de Meá) en base a non se sabe que criterios. Pero é que, sen regulamento, non hai demasiadas ferramentas para que entidades ou persoas defendan os seus dereitos, que quedan convertidos en favores ou grazas persoais de Xosé Fernández Barcia. Esa visión distorsionada que fai dos dereitos favores e que o propio Alcalde evidenciou no Pleno do 28 de xaneiro do 2011, no debate sobre unha moción da oposición que reclamaba, tamén, un regulamento de uso da web. Para el o seu funcionamento trátase "dun compromiso que teño eu" e "si os demais que estean no futuro non o queren facer pois é problema deles".

Eis a evidencia da "seriedade" da que presume o ainda Alcalde de Mugardos. O seu compromiso co futuro deste concello máis aló do seu réxime. O seu rigor e a súa equidade coa cidadanía a quen di servir sen distincións. Eis a mostra do que, acrecentándose ano tras ano, pretenderá impoñer outros catro anos máis, avergoñando (en lugar de achegarse) aos poucos críticos que aínda aturan a deriva do seu narcisismo dentro do BNG de Mugardos. Unha triste longa noite de pedra para a transparencia nesta vila.

Quixera dar grazas a Pilar Díaz Otero, quen dende o seu perfil no Facebook fixo pública a decisión do Presidente da Comisión de Cultura e prestouse a aclarar as dúbidas que xurdian ao respecto.

08/03/11

¡Salven a los Mugardos!



A campaña de promoción da nosa vila máis productiva de tódolos tempos (ever and ever). Sen dúbida. ¡Fóiselles das mans!

03/03/11

O mes da peseta

agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG

Non sorprende demasiado a repercusión da enésima campaña de Portomagno, a Asociación de Empresarias/os de Comercio e Hostalería de Mugardos. Unha, porque co volume de iniciativas que desenvolven ao longo do ano algunha vez habían de conseguir dar co quid mediático. Outra, porque en tempos de crise á prensa resúltalle atractiva a proposta da volta á peseta, como unha metáfora da desesperación económica que padecemos ata non sabemos aínda cando.

Parabéns a Portomagno e sorte con esa outra campaña en marcha: o Día do Pai.