26/02/11

A longa viaxe do gas


Unha regra elemental das empresas é a de mercar barato para vender caro (ou esa outra dos bancos, que che emprestan un paraugas cando fai sol e cho reclaman cando chove). Por iso sería preciso unha boa explicación para entender algúns movementos do gas que chega a Mugardos. O día dos namorados o Cheik el Mokrani descargaba en Reganosa gas dende a convulsa Alxeria. O mesmo día que este buque saía da ría outro, o SCF Polar, cargaba en Reganosa para viaxar ata Xénova.

Seguro, segurísimo que han de ter unha boa explicación para que entendamos por que o gas de Xénova percorre máis de cinco veces (4540 millas náuticas) o traxecto que a separa de Orán (715). Porque así, de primeiras, o concepto de "negocio" semella como un pouco confuso. ¿Quen paga ese sobrecuste? ¿Que está pasando co negocio enerxético? ¿A quen están tomando por parvos?

Unha lectura recomendada: "Usted pagará los platos rotos del affaire Sonatrach", de Amaia Arteta no xornal Capital.

22/02/11

¿E ti de quen ves sendo?


O top-25 dos apelidos mugardeses non debe ser moi distinto nos seus primeiros postos a calquera outro concello galego. Os Martínez, Fernández, García, etc. non singularizan especialmente a esta vila. Mais cando baixamos ata o oitavo posto (segundo a súa orde de frecuencia por cada 1000 habitantes, en datos do IGE) comezamos a sentirnos como na casa, entre os Varela, Pena, Romero, Rey, Díaz, Iglesias, Cartelle, Montero, Pereira... A cada quen viralle unha faciana, ou varias, aos miolos. Ou a propia. Poderemos atopar vencellos con municipios limítrofes, e particularidades pulpeiras. Se pertencemos a unha longa estirpe pulpepira, ou non tan longa. Eu non me podo queixar, ¿e ti?

10/02/11

A luz da verdade



A luz da verdade sempre prevalece
sobre a obscuridade da mentira
e a difamación.


Con esta frase aspirante a proverbio saudou o ano o aínda Alcalde de Mugardos a algúns (non todos) os fogares da vila. Premonitoria. Dúas semanas despois de entrarmos no 2011 saltaba á prensa iso que os medios de comunicación gostan de chamar "crise" no seo do BNG, onde catorce afiliados/as anunciaban a súa baixa como consecuencia dun proceso escuro que esperta moitas dúbidas sobre o funcionamento san e democrático do Bloque Nacionalista Galego na bisbarra. Mais serán os seus responsables comarcais os que teñan que dar contas do balanzo da súa xestión, non eu.

A Xosé Fernández Barcia preguntáronlle o pasado 17 de xaneiro no Canal 31 sobre a marcha desas 14 persoas, ao que respondeu sibilinamente, deslizando un falso (¡inxurioso!) impago da metade desas baixas para reducilas, para ningunealas, para desacreditalas. Para rebaixar o seu número de 14 a 6 nunha estrana operación matemática (¿14-7=6?). Nin a honra propia debería defenderse máis que contando a verdade, nin a allea debería atacarse mentindo.

Escúdase en que o propio Responsable de Política Municipal do BNG comarcal refrendou a limpeza do proceso. Eu, polo de agora, presento aquí o revelador "timeline" das cousas, tamén refrendado por unha resolución do propio Consello Comarcal. ¿Alguén da máis? Si, hai máis e máis polo miúdo nesa propia acta que non debera transcender publicamente agás que alguén volva a poñer en dúbida a credibilidade das persoas que padecimos a "limpeza do proceso", que foi máis un "proceso de limpeza".



A serenidade a experiencia e a seriedade.


Fronte a ameaza dunha candidatura que poida loitar polo mesmo espazo electoral que se lle presupón ao BNG (presupoñamos primeiro que o BNG de Mugardos loita actualmente polo voto de esquerdas e filo-nacionalista, que xa é moito presupoñer), fronte a esa ameaza Xosé Fernández Barcia contrapón "serenidade", "experiencia" e "seriedade". Serenidade que, Pleno tras Pleno, desaparece perante os ollos da cidadanía, Serenidade que lle fai dar "bandazos" a remolque da oposición pola súa incapacidade para facer cumplir as normativas vixentes, que se torna "paranoia" cando se acusa á oposición de tramar operacións xudiciais, como se no seu día o imputase a Coordinadora Xeral de EU-IU e non un xuíz; Experiencia que o leva a zoupar unha e outra vez sobre as mesmas pedras e a esquecer que esta vila non comeza nos maiores, que estes tamén teñen preocupación polo futuro de seus fillos e seus netos, que atopan en Ares iniciativas que están a anos luz de fluír polos miolos do experimentado Alcalde e o seu equipo (?) de goberno; a Seriedade que fai que ano tras ano o Concello de Mugardos despilfarre recursos humanos e milleiros de euros (¡milleiros!) por mor dunha nula planificación e seguimento das obras municipais.

Nunha cousa ten razón X.F. Barcia: só a indiferencia da xente desta vila podería mantelo no seu posto, "sereo" e "satisfeito".

02/02/11

A nova web do Concello de Mugardos (e II)


"Era unha prioridade actualizar a páxina". Así se expresaba Xosé Fernández Barcia o 29 de decembro para xustificar a renovación da web municipal. 36 días despois o Goberno do Concello de Mugardos publicou 3 notas informativas. Cando o habitual noutras webs municipais é a publicación diaria para veciñanza, en Mugardos sácase unha nota cada 12 días. A última delas, escueta, o 17 de xaneiro.

"Era unha prioridade actualizar a páxina". Si, era e é, porque a información actualizada deixou de ser un servizo á cidadanía hai tres anos, e continúa a selo.

Mais non é so a cantidade, senón a cualidade da información que se publica a que en ocasións incumple o propósito de utilidade pública. No último Pleno presentouse unha moción por parte de tódolos grupos da oposición denunciando o uso partidista da web e reclamando un regulamento de uso para ela. O Alcalde opúxose, mais xa corrixiu algunhas liñas da redacción orixinal, agochando as mencións directas a siglas e programas electorais.

O desenvolvemento dun regulamento de uso dunha web municipal, pagada con cartos públicos, e destinada a ofrecer un servizo público, é fundamental. Non debe ser nunca plataforma de proxección electoral nin de quen goberna hoxe, nin de quen gobernará mañá. Debe quedar clara a diferenza entre web municipal e bitácoras partidistas. Porén, a día de hoxe a última nova publicada polo Concello e a última publicada no blogue do BNG coinciden en data, en contido e ata na foto empregada. Equivócase o BNG de Mugardos (ou o que quede del), se pretende asimilar partido e goberno, ao estilo do que paradoxalmente adoitaba denunciar en tempos de Fraga Iribarne. Unha fuxida cara adiante. Unha deriva. Unha vergoña.

01/02/11

A nova web do Concello de Mugardos (I)


O mércores 29 de decembro presentaba o Goberno deste Concello de Mugardos a nova web que dará servizo á veciñanza nos vindeiros anos. En palabras do propio Alcalde "era unha prioridade actualizar a páxina". Si que o era... e segue a selo.

Cara fóra o redeseño da web municipal concédelle maior peso ás imaxes, é máis visual. Anunciouse tamén a inclusión do programa SIGEM, que deberá permitir e axilizar a tramitación online de axudas, licenzas, pagamentos ou subvencións, mais do que aínda non se dispón. Outra novidade é tamén a aparición do "Buzón de suxestións", que favorece a comunicación directa co Concello, aínda que se bota en falta saber a quen nos diriximos. As respostas que o Concello poida darnos, a diferenza do que acontece en webs municipais como a de Ares, non serán públicas.

Cara dentro, como a propia SDWeb (empresa programadora da nova web) explicou na súa presentación, a nova estrutura amplía as posibilidades de incorporar novas funcionalidades. Para a edición de contidos substituíuse o sistema wikitexto polo WYSIWYG, o que fará que as persoas encargadas de engadir contidos se atopen nun entorno algo máis familiar, mais tamén abre as portas á descoordinación de estilos e conseguinte desorientación do/a visitante. Porén, como os propios técnicos explicaban “o que importa é que teña información actualizada”.

En liñas xerais, estas son as novidades fundamentais da nova web. Os estándares de accesibilidade xa se cumprían anteriormente. A organización da información que se ofrece (diferenciación entre Concello/Municipio) mantén o que xa existía. Non se observa unha ampliación suficiente da documentación aportada dende o Concello en seccións como Historia, Xeografía, Galería de imaxes ou Rotas, agás o engadido dun apartado propio para a Festa do Polbo.

Sobre a necesidade da actualización de contidos, e da súa cualidade, comentarei noutro momento.