28/05/09

Mugardos en Internet (V): Concello de Mugardos



Logo dunha paréntese de dous meses e pico retomo a análise das principais webs mugardesas. Desta volta tócalle á do Concello de Mugardos e, se ben no momento da análise xeral obtivo un 4,7 algúns cambios dende aló provocan que para hoxe faga unha pequena corrección. Por partes:

Deseño e estrutura: o apartado forte da web, e onde destaca por enriba das demáis. Ten dominio de seu e as URLs das distintas páxinas son bastante limpas. Google ofrécenola como primeiro resultado da procura "mugardos", o seu deseño axuda á navegabilidade e dispón de versión en galego, castelán e inglés, ainda que esta última presenta contidos diferenciados, de orientación fundamentalmente turística.

Contidos: Dende fai xa demasiados meses desapareceu a información da xestión política da sección "Últimas novas". Porén, dun tempo para acó mantense un bo ritmo de actualización da axenda socio-cultural, taboleiro de anuncios e información sobre cursos e convocatorias. Ademais, non deixou de publicar as actas de Plenos e Xuntas de Goberno. Isto fixo que subise a nota dende a primeira análise neste capítulo do 5,3 ao 6,4 e no global do 4,7 ao 5,0.

Participación: A web non ofrece posibilidade algunha de interacción mediante comentarios ou un buzón público de suxestións.

Comentario: A web pública, a web na que o Goberno Municipal informa aos veciños/as podería ter moita máis vida da que hoxe ten. Actualizala con novas como se facía durante os seus primeiros meses só ten vantaxes, polo que é incomprensible o desleixo que padece. A maiores, sería positivo atopar unha fórmula de participación da veciñanza, ben coa posibilidade de comentar a actualidade, ben coa creación dun buzón aberto no que se publicasen as preguntas dos/as veciños/as que atopasen resposta nos membros da corporación, abrindo así a web a todos/as.

19/05/09

O derbi (case) perfecto



Poucas veces coincidirán tantas circunstancias darredor dun derbi entre mugardeses e aresanos.
  1. O Galicia participa na Copa da Ría co seu segundo equipo, ateigado de mugardeses, para que non protesten os de Ares.
  2. Galicia B e Numancia coinciden dende este ano na Segunda Autonómica. Os dous partidos (o de aquí e o de acolá) gañámolos nós.
  3. O sistema de competición é, ata que cheguen as semifinais, a un único partido, polo que o do domingo é decisivo.
  4. A final este ano xógase en Prados Vellos (Ares). Eliminar ao Numancia suporía a) deixalos sen a "súa" final e b) achegarse un chanzo máis á meta de gañar a Copa en Ares.
  5. O sábado pasado o Numancia de Ares gañaba a Copa da Ría xuvenil e como non deberon de atopar xente en Ares que lles seguise a festa viñeron a Mugardos, por ver se nos chinchaban un pouco.
Disque quen rí último rí mellor ;)

Actualización: Vaia, pois ao final riron os do Numancia de últimos... ¡pero que ben se está en Preferente!

01/05/09

Paranoia dixital



No curso 1996-97, eu diría que alá polo Día das Letras, a Asociación de Estudantes por Galiza, que se puxera en contacto coa Escola de Imaxe e Son da Coruña, proxectaba nas aulas do Instituto de Mugardos varias curtametraxes galegas.
Onte flocos.tv gañou o premio Mestre Mateo á mellor obra interactiva e entre a filmoteca que poñen ao noso dispor atopeime coa "Paranoia dixital" que fora a curtametraxe da que máis me lembro daquelas proxeccións no instituto no 17 de maio do 1997. Hai caras coñecidas.