24/02/2009

1M: O voto mugardés



Non podía faltar. E aínda que desta volta as eleccións ao Parlamento de Galicia semellan (a falta do sprint final) algo descafeinadas, toca falar un pouco de como se viven por esta vila.
Mugardos é bo exemplo (outro máis) de como a fragmentación do voto "de esquerdas" ou, se se quer, a concentración do voto "de dereitas" nun único partido, convirte ao PP en forza maioritaria. A diferenza de Galicia en xeral, en Mugardos os populares nunca acadaron o 50% dos votos. Polo demais, o comportamento electoral da xente deste Concello semella non amosar outras singularidades que a diferencien da media galega.
Canto á actividade dos partidos na rede, o PP de Mugardos é o único que traslada á súa bitácora a campaña pola presidencia da Xunta, cun ritmo de actualización frenético (ata tres entradas diarias) que semella coxuntural. Adoece, iso si, dunha perspectiva "mugardesa" da campaña. Bótaselle en falla, tamén, a posibilidade de comentar as entradas ou de participar nas súas enquisas (de novo, carentes dun enfoque mugardés), aínda que si podemos facelo no seu foro. Unha desas enquisas, de título "¿Te parece bien que partidos que pierden las elecciones pacten para que no gobierne el partido mas votado?" semella contradictoria para un partido que afastou no 1991 a Manuel Fariña da Alcaldía deste Concello ou que podería facer o mesmo con Ibarretxe o vindeiro domingo en Euskadi.
As demais forzas políticas mugardesas fan campaña á marxe da rede e tan só unha delas (EU-IU) mantén a súa bitácora actualizada con regularidade. O BNG ten a súa durmindo na noite dos tempos e o PSdeG-PSOE nen sequera nos ofrece algo ao que poder subscribir un lector RSS.

Corrixo: Si, claro que hai máis singularidades en Mugardos que a da nunca acadada maioría de voto de dereitas. Chama a atención, por exemplo, a baixada na participación do 2001. Daquela no conxunto do país PP e BNG comenzaron o seu devalar, pero Touriño recuperaba terreo para o PSOE. Eiquí, en troques, os socialistas perdían preto de 200 votantes. Se cadra en parte froito do desgaste local dun partido que acumulaba xa 10 anos na Alcaldía, a maioría deles (91-95 e 99-01) sen sequera o apoio maioritario da veciñanza. Só no 2005, en plen o "efecto ZP", o PSOE de Mugardos recuperaba o sorriso superando, 16 anos despois, a barreira dos 1000 votos.
Tamén nos distingue do conxunto de Galicia o caso do BNG, que no 2005 perdía 4 dos seus 17 escanos no Parlamento. Eiquí, sen embargo, mantiña o tipo. De novo podemos intuír condicionantes locais. O BNG mugardés era, dende facía só dous anos, a primeira forza do municipio, con xente nova e moi activa na primeira campaña con Anxo Quintana como candidato. Con todo, como a nivel galego, perdeu a condición de segunza forza.

Nenhum comentário:

Postar um comentário