24/10/08

Festival de solidariedade cos traballadores de ASTANO



Ás veces o tempo semella xirar en espiral (cara adiante pero repetindo vellos escenarios). ¿De que é víctima ASTANO? ¿Das sancións impostas dende a UE polas subvencións do Estado? ¿O mesmo Estado que hoxe lle saca as castañas do lume aos especuladores banqueiros? ¿Por que non tamén ao estaleiro civil da Ría de Ferrol? Eiquí déixovos o primeiro dos fragmentos do Festival de solidariedade cos traballadores de ASTANO celebrado o 10 de febreiro do 1985 e do que fai xusto dous anos que podemos gozar todos grazas ao amigo Calidonia. E se alguén lle atopa sentido a isto, que o diga.

12/10/08

El tamén é mugardés



Preséntovos ao paporrubio máis coqueto de toda a volta. ¡Que gusto polos flashes! ¡Que xeito de chupar cámara, miña nai querida! Nunca vin cousa á maneira. De Mugardos tiña que ser.

08/10/08

Subvencións municipais (e II)



Se ben nun primeiro momento atendín ao método seguido por uns e outros concellos á hora do reparto das subvencións dos cartos públicos, aínda quedei con fame de saber e quixen analizar máis polo miúdo que é o que se valora nun caso ou noutro. Vexamos:
O primeiro que precisei foi agrupar dalgún xeito os criterios en bloques homologables, xa que cada municipio os organiza dun xeito diferente. Cheguei á conclusión de que podería resumilos nos cinco que vedes:
  • Representatividade: puntos concedidos en base ao número de persoas beneficiarias das actividades, número de socios dunha sociedade, etc.
  • Singularidade: para aqueles criterios que teñen en conta que a actividade sexa novidosa ou non exista nada similar xa organizado por outra entidade no Concello. Encadrei tamén aquí os puntos outorgados polo emprego do galego (non tódolos concellos os conceden), recuperación do patrimonio ou os referentes ao fomento da igualdade de xénero de San Sadurniño
  • Temporalidade: tódolos concellos analizados valoran positivamente o carácter continuado das actividades. Parece lóxico que teña máis valoración (e precise maior investimento) un proxecto a longo prazo e continuado que aquelas actividades puntuais.
  • Viabilidade económica: aquí comezan as diferencias importantes. Bergondo ou Cee empregan o balance económico da actividade para determinar os puntos a levar. A maior equilibrio orzamentario, maior puntuación. Agás que a actividade teña superávit ou o balanzo sexa superior ao 90% (ou sexa, por cada 100 € de gasto, 10 € ou menos de ingreso). Irixoa tamén "valora positivamente a capacidade económica autónoma". Semella un bo xeito de incentivar o "esforzo económico" das sociedades fronte a proxectos máis dependentes da concesión de subvencións públicas. Porén, concellos como Cambre ou Culleredo son moi confusos e non queda nada claro se os puntos os levan as actividades máis deficitarias ou as menos. San Sadurniño é un caso aparte e concede os puntos segundo o valor absoluto do orzamento (a máis cartos investidos, máis puntos). Nin Cerdido nin Outes contemplan estes casos.
  • Complementariedade: nuns casos valórase realizar actividades conxuntas co Concello, noutros a coordinación con outras entidades dun mesmo proxecto.
E atendendo a iso, velaí o resultado. Viaxa dende Bergondo, cun baremo de marcado perfil económico, ata Irixoa, onde as sociedades con maior capacidade de implicación acadan as mellores puntuacións. Entre medias, Cee ou San Sadurniño semellan ser os que amosan máis equilibrio entre criterios. Debullando:
  • Bergondo: representatividade e temporalidade, os dous criterios máis "clásicos", teñen un peso testemuñal (se cadra demasiado testemuñal) en favor dos proxectos que supoñan un esforzo real de autofinanciarse.
  • Cee: aínda que semella un calco do de Bergondo nalgúns aspectos, concedéronlle algo máis de importancia á representatividade e á colaboración con outras entidades en detrimento do equilibrio orzamentario.
  • Cerdido: non ten en consideración cuestión económica ningunha. Polo demais, é un baremo bastante rigoroso na metodoloxía e semella equilibrado en canto á valoración de cada criterio (pouco valorada a temporalidade, tal vez).
  • Cambre: non fomenta diversificación ningunha. Aló diso, e como en Cerdido, o grao de representatividade dos proxectos teñen un peso determinante.
  • Outes: case un calco do de Cerdido, agás por unha metodoloxía de asignación de puntos moitísimo menos clara.
  • Irixoa: sobrevalora a representatividade social e desestima a capacidade de diversificación (non concede puntos por singularidade). Semella un baremo moi conservador, case inaccesible a propostas novidosas e destinado a conceder as axudas "aos de sempre".
  • San Sadurniño: como Cee, dos máis equilibrados e, ademais, cun bo sistema de ponderación (agás no plano económico). Ao contrario que en Irixoa, aquí o peso fundamental recae na capacidade de innovación ou na calidade das propostas de actividade.
Este é o resultado que obtiven. A conclusión que saco é que, xuntando esforzos e puntos de vista, estamos a tempo para que as bases da convocatoria de subvencións en Mugardos para o ano que ven sexan das mellores e máis transparentes do país. Só hai que poñerse máis á obra.

06/10/08

Subvencións municipais (I)



Estes días estarán chegándolles ás sociedades mugardesas as bases da convocatoria pública de subvencións municipais a entidades sen fin de lucro 2008. Nunha primeira ollada non se aprecia nada novidoso, o que tampouco é bo sinal. O método que se aplica á hora de decidir as cantidades que levará cada sociedade é aínda dos máis opacos. Tirando do BOP procurei referencias en concellos da provincia (aínda que o buscador é moi limitado e a elección de concellos foi case que ao chou). Podémonos atopar de todo. E algunhas cousas interesantes:
  • Bergondo ou Cee: Non só publican os criterios a ter en conta para a concesión de subvencións, senón que os desglosan e valoran en puntos acumulables. Incentivan a colaboración entre entidades incluso extramunicipais e contemplan a coincidencia con actividades xa programadas polo Concello como un factor corrector á baixa (o que fomenta a diversificación da oferta). Tamén inclúen unha táboa de asignación de puntos segundo o equilibrio orzamentario das actividades.
  • Cerdido: Probablemente o máis transparente en canto a asignación de puntos. Deixa moi pouca marxe a valoracións subxectivas debullando cada un dos criterios a puntuar e establecendo tramos de puntuación (Bergondo ou Cee só indican a máxima puntuación acadable con cada criterio). O estrano é que, a diferencia dos outros Concellos, en Cerdido as subvencións realízanse por acordo da Alcaldía e non pola Xunta de Goberno.
  • San Sadurniño: Xa na introducción establece que os criterios de valoración "serán ponderados de maneira xustificada". Especifica moi ben o baremo a aplicar canto a duración e contía dos proxectos presentados e, como en Cerdido, tamén indicando tramos de puntuación. A innovación nas propostas, recuperación do patrimonio ou promoción da igualdade entre mulleres e homes son factores correctivos en positivo. Incluso sinala a fórmula a aplicar no sistema de reparto das subvencións.
  • Ares: Dos piores, e gabándose de selo (fai fincapé no carácter discrecional das concesións). Os criterios son moi xerais e non existe ningún tipo de baremo que permita ás asociacións coñecer os motivos obxectivos polos que reciben (ou deixan de recibir) subvencións municipais. Valora positivamente a colaboración co Concello e as actividades que este realiza (noutros municipios incentívanse as propostas alternativas ou que non se solapen, pero en Ares non).
  • Mugardos: Case igual que o de Ares. Non establece os baremos a seguir, nin define se a complementariedade co Concello é un factor corrector positivo ou negativo (ainda que a interpretación en contexto apunta a que é positivo). Os criterios polos que di rexirse non son máis que un bosquexo. En resumo: case nulas garantías dun reparto non arbitrario.
  • Valdoviño: Como contrapunto, o Concello de Valdoviño nin tan sequera publica no BOP as bases reguladoras para a concesión de subvencións.
  • Outros casos significativos: Nas bases publicadas polo Concello de Culleredo indícase que as subvencións outorgaranse aos "solicitantes que obteñan a mellor valoración", o que non semella que sexa un sistema especialmente xusto/proporcional de reparto. En Irixoa existe unha Comisión de Subvencións na que ningún dos vogais pode ter "interese directo ou indirecto nas solicitudes e no procedemento de concesión". Algo que non parecería necesario se o baremo fose suficientemente transparente.
Temos, polo tanto, que Mugardos está á cola en canto á transparencia coa que as nosas sociedades reciben cartos públicos. Situación que conviría inverter o máis axiña posible polo ben do movemento asociativo do concello e da confianza dos/as cidadáns cara á administración.

03/10/08

Mugardeses ilustres: José Manuel Iglesias



De existir, a alma da xente ten que ser aquelo que a fai perdurar no tempo e na memoria máis aló do seu paso polo mundo. Sendo así, José Manuel deixa a súa alma con nós.