26/03/08

Para os que botades de menos o foro



Foi tan doado como pescudar no Google "foro mugardos". Alí estaba o foro-ciudad.com. Ten todiña a pinta de estar xestionado por un bot, así que probablemente poidades soltar toda a vosa adrenalina sen que me volvan a dar ataques de ansiedade mentres non estou diante do PC. Ten tamén a posibilidade de subir fotos, de crear un diccionario pulpeiro, ¡unha marabilla! Ala, agora enchelo de lercheadas e contidos é cousa vosa (e igual ata me animo eu un día destes).

25/03/08

Festival Solidario



Gústame a máxima que di aquilo de "o que garda sempre ten". O martes 18 de xullo do 2000 Rosa Cernadas firmaba en La Voz de Galicia unha nova a catro columnas referida ao festival musical que varios rapaces de Ares e Mugardos, reunidos baixo a Asociación Cultural Bezoucos, organizariamos o sábado 22 en Beiramar, O Seixo. Alí actuarían A Nosa Ría, Paloma Suanzes, Choupa na Lama, Xosé Constenla, Deixate d'Oxtias, Drinkin' Tinto, Panacea e Gresca. O mesmo día do festival saíramos no programa A Tropa da Tralla que Xurxo Souto tiña en Radio Coruña anunciando a celebración de algún que outro concurso peculiar entre os asistentes. Saiu todo a pedir de boca. Só teño a espiniña de non poder ter celebrado o campionato de comedores de cebolas... :)

P.D.: ¡Si, son eu o do pelo clariño na foto! ¡É que gañara a Liga o Dépor!

22/03/08

II Campionato Mundial de Rondas Mugardesas



Rematou (coa miña saúde) unha nova edición do Ránking das Rondas. Un novo éxito de participación e ambiente. Ata cincuenta rondistas se deron cita no Trope para loitar pola coroa que os acreditase como Reis das rondas mugardesas.
A edición pulpeira, en tempos do patrón, agarda xa por todos nós.

15/03/08

Ránking das Rondas - Santísima Edición



Xa está aquí unha nova edición do Ránking das Rondas, logo do éxito da súa estrea. De novo en datas de arrexuntamento pulpeiro e novamente no local de rondas mugardesas por excelencia (amén da consulta popular do seu día): O Trope!
A cita: o venres santo, dende as 20:30. Ide quentando as bonecas porque a participación nesta ocasión promete bater récords. Haberá premios, se non vos considerades xa premiados con chegar á finalísima. Andade antentos e abride boca lembrando as orixes.

E mira que son ateo, eh... :)

07/03/08

Mugardeses nos campos de concentración nazis



Ídesme ter que desculpar o pouco agradable da fotografía. Veño de descubrir unha listaxe de galegos mortos nos campos de concentración nazis. Xa supoñedes que atopei mugardeses. Tres soldados republicanos que loitaron contra o III Reich. Os tres morreron en Gusen no 1941. Na súa memoria:
  • José Andrés Pena Losada († 16/10/1941)
  • Manuel Fernández García († 24/12/1941)
  • José Pereira Pérez († 30/12/1941)
E o día resultou ser moi acaído para lembralos.

Test de compatibilidade política



Atópome (de novo vía Chuza!) con este test de compatibilidade política. Nestes tempos non está de máis coñecer as opcións que se achegan máis ou menos aos nosos valores. A dinámica é ben outra, máis próxima á alienación. Unha mágoa e unha perda de calidade democrática.
Malia todo, boto en falla no test os datos para BNG, ERC ou Nafarroa-Bai, cos que posiblemente tamén obtería un alto índice de afinidade. Nas miñas antípodas semella atoparse o PP (19%, pero non é sorpresa). Ao PSOE tamén o teño lonxe (50%).

03/03/08

O Galicia 2007-08



Facía ben tempo que non pasaba unha tarde resacosa de domingo vendo ao Galicia xogar na Pedreira. Tiveron que ser motivos laborais os que me arrincaron dunha merecida sesta, pero finalmente pagou a pena. 3-0 ao Dumbría, afianzamento no liderato da Primeira Rexional e un chanzo máis na escaleira que nos podería subir ata un título ligueiro que os mugardeses non coñecemos dende o 1980. E iso que este ano pode chegar por partida dobre (o Galicia B ándalle soprando na caluga ao San Pablo).
Fixen moitas fotos de nuestro señor, pero non as podo colgar porque son para un proxecto en xestación que vai ser unha chulada. Tede paciencia. O que si deixo para todos é a foto do plantel. Descubriredes así a colección de fotos do Galicia que pouquiño a pouquiño veño pendurando do Flickr (quería ser unha sorpresa, pero vaia...).