29/02/08

9M: O que escollimos



Púidome a curiosidade e seguín pescudando en datos e cifras electorais. Malia o que poida parecer pola maquinaria mediática dos grandes partidos, segundo o sistema político vixente a circunscrición é a provincia e, polo tanto, é aos candidatos provinciais da Coruña a quen estamos escollendo para nos representar nas Cortes. Seguramente moitos deles descoñecidos para a meirande parte da cidadanía pulpeira.
Quixen extrapolar os resultados en Mugardos ao conxunto da provincia, pero atopeime con que o resultado sería o mesmo: 4 PSOE, 4 PP e 1 BNG. Decidín entón colocalos por orde de obtención do escano. O primeiro representante da bisbarra resultou Francisco Rodríguez (Ferrol, BNG), seguido de Xavier Carro (Cedeira, PSOE) e Arsenio Fernández de Mesa (El Ferrol, PP). É de supoñer que neles recaería nestes anos a responsabilidade de trasladar á Cámara Baixa as cuestións que referisen ao noso Concello.
Procurei entón máis datos sobre a súa actividade parlamentaria na última lexislatura: 1384 iniciativas para Arsenio Fernández de Mesa, 992 para Francisco Rodríguez e 117 para Xavier Carro.
Finalmente, era a miña intención atopar intervencións de cada un dos tres que implicasen directamente a Mugardos, pero non habendo buscador a cousa facíase laboriosa de máis, polo que, como mostra intereseime pola súa última participación antes do peche de lexislatura: o 2 de xaneiro Arsenio Fernández de Mesa preguntaba pola "data prevista para a volta do continxente militar destacado en Bosnia-Herzegovina", tres semanas antes, o 12 de decembro, Francisco Rodríguez interesábase polo "motivo da redución do tempo das desconexións de Televisión Española en Galicia, que afecta en concreto ao reducido espazo informativo". De Xavier Carro non hai información sobre actividade recente...

Ningún comentario:

Publicar un comentario