29/02/2008

9M: O que escollimos



Púidome a curiosidade e seguín pescudando en datos e cifras electorais. Malia o que poida parecer pola maquinaria mediática dos grandes partidos, segundo o sistema político vixente a circunscrición é a provincia e, polo tanto, é aos candidatos provinciais da Coruña a quen estamos escollendo para nos representar nas Cortes. Seguramente moitos deles descoñecidos para a meirande parte da cidadanía pulpeira.
Quixen extrapolar os resultados en Mugardos ao conxunto da provincia, pero atopeime con que o resultado sería o mesmo: 4 PSOE, 4 PP e 1 BNG. Decidín entón colocalos por orde de obtención do escano. O primeiro representante da bisbarra resultou Francisco Rodríguez (Ferrol, BNG), seguido de Xavier Carro (Cedeira, PSOE) e Arsenio Fernández de Mesa (El Ferrol, PP). É de supoñer que neles recaería nestes anos a responsabilidade de trasladar á Cámara Baixa as cuestións que referisen ao noso Concello.
Procurei entón máis datos sobre a súa actividade parlamentaria na última lexislatura: 1384 iniciativas para Arsenio Fernández de Mesa, 992 para Francisco Rodríguez e 117 para Xavier Carro.
Finalmente, era a miña intención atopar intervencións de cada un dos tres que implicasen directamente a Mugardos, pero non habendo buscador a cousa facíase laboriosa de máis, polo que, como mostra intereseime pola súa última participación antes do peche de lexislatura: o 2 de xaneiro Arsenio Fernández de Mesa preguntaba pola "data prevista para a volta do continxente militar destacado en Bosnia-Herzegovina", tres semanas antes, o 12 de decembro, Francisco Rodríguez interesábase polo "motivo da redución do tempo das desconexións de Televisión Española en Galicia, que afecta en concreto ao reducido espazo informativo". De Xavier Carro non hai información sobre actividade recente...

28/02/2008

9M: A dinámica mugardesa



Supoño que é inevitable falar estes días de política. Poñámonos logo, pero démoslle como sempre ese toqueciño local, razón de ser deste blog. Velaí tedes os datos históricos das catro principais formacións políticas de Mugardos en eleccións ao Congreso dos Deputados, obtidos da web do Ministerio del Interior. O visitante foráneo sorprenderase do pouco representativos que somos do conxunto do país (tradicional maioría abafante do conservadorismo). Diríase incluso que andariamos máis preto do "concello-tipo" do Estado, cun PSOE tradicionalmente maioritario ata o "aznarato", un PP en incesante ascenso ata o pasado 14M, unha IU de comezos sorprendentes pero vida a menos e un BNG en continuo crecemento ata a extraordinaria polarización do voto das últimas eleccións xerais (polarización que non pareceu afectar do mesmo xeito a IU).
O vindeiro capítulo de hoxe en 10 días. ¿Como o vedes?

16/02/2008

Solteiras 3-1 Casadas



Non tiveron piedade as solteiras, que demostraron ter mellor dianteira que unhas casadas que no segundo tempo perdoaron unha pila de ocasións claras de gol, entre as queixas pola "parcialidade" do árbitro, segundo as de azul. O "terceiro tempo" promete alongarse durante toda a noite mugardesa.

Si, si, as fotos aquí.

13/02/2008

Solteiras vs Casadas - Entroido 2008



Achégase o sábado 16, o "Día D" no que o universo pulpeiro deterá o reloxo para presenciar o choque fratricida entre mugardesas do aquén e alén do matrimonio. O derbi terá lugar arredor das 16:30 no Estadio Olímpico de Limodre. Compañeiras, compañeiros, veciños e veciñas... as rúas de Mugardos teñen que quedar desertas.
¿E ti, con quen vas?

10/02/2008

Entroido 2008 na dúas veces real vila



Érgome da cama, repaso as constantes vitais e comprobo que sobrevivín ao tequila "Camino" de Poche. Procedo a sacar á luz o documento gráfico que demostra a existencia de carallada entroideira máis alá do enterro da sardiña na terra do polbo. Incluso hai que di ter visto ao verdadeiro Súper-Man pululando. Non hai probas.

09/02/2008

O Clic



Se a rabiosa actualidade ou a miña innata inconstancia non o remedian, as vindeiras entradas serán o froito de remexer no meu particular "Baúl das Lembranzas" (uséxase: vellas copias de seguridade en CD dos documentos do PC). Nel veño de atopar isto. ¿Que é isto? Pois isto é a portada dun paquete de actividades educativas que deseñei nos meus tempos de mestre de informática. O Clic (programa que recomendo a nais e pais con nenos/as en idade escolar) fora todo un descubrimento. Era entretido, gustáballes especialmente aos máis novos e, nunha época na que o IRC causaba furor, mantíñamos alonxados das ansias polo chateo con anónimos (moito ollo co que hai por aí adiante). E ao ver seis anos despois a portada que fixera para o paquete de actividades (temática informática, claro) decateime de que xa se albiscaban as miñas dúas paixóns: o deseño gráfico e esta dúas veces real vila que chamamos Mugardos. Entrañable :)

05/02/2008

Ferrol, polo mar e pola vida (na morte de Carmelo Teixeiro)



Hoxe morreu Carmelo Teixeiro.
Hoxe o vento non deixou entrar ao «Cheikh el Mokrani», 14º gaseiro, na ría de Ferrol.

04/02/2008

Kay tamén é mugardés



Prégovos informedes ao dono se atopades este can pola volta. Escapou o domingo 3 da súa casa. El tamén é mugardés.

Actualización: Xa podedes durmir tranquilamente. Kay apareceu! ;)