30/12/08

O Ránking das Rondas



Xa está aquí unha nova edición do campionato de rondas máis popular a este lado do meridiano de Grenwich. Marcade o 3 de xaneiro no calendario e apuntade as 20:30 como comezo da fase de inscrición. Ás 9 os dados comezarán a rodar polos tapetes do Tropezón ata dirimir a parella que reinará na vila ate, cando menos, a Santísima Edición.
Non hai volta atrás, os rondistas multiplícanse en cada novo campionato e o Ránking das Rondas ten que estar á altura multiplicando tamén os premios. Cada victoria terá premio ata os cheques finais por valor dun par de camisolas pulpeiras exclusivas.
¿E ti que, xa tes parella?

29/12/08

Solteiros 3-1 Casados



Si, retraseime un pouquiño, xa sei. Cousas do reparto do tempo. Ter teño cousiñas que contar, pero hoxe, por petición popular, vou deixarvos aquí o resumo do que foi o duelo e posterior reconciliación entre os casados e aínda non casados do pobo.
Pode que escoitárades versións distintas sobre o resultado final, pero decidín empregar o mínimo común múltiplo para evitar que os pobres casados durman no sofá unha semaniña enteira.
En breve máis cousiñas, prometido ;)

21/11/08

Cal e area



A cousa vai por barrios. Onte a Concellaría de Benestar Social, Igualdade e Sanidade presentaba no IES de Mugardos un weblog encadrado no PREMUVI (Programa de Prevención da Violencia para a Comunidade Educativa do Concello de Mugardos). Hoxe a prensa faise eco do acto. Mágoa que na web do propio Concello non se lle dese publicidade, como a tantas outras iniciativas. Alguén tira pedras contra o seu propio tellado. Non se entende.

20/11/08

A crise web



Como nos mellores mercados bursátiles. A gráfica de aquí enriba non reflicte ningunha cotización, malia as semellanzas. É simplemente o xa denunciado ritmo decrecente da actividade dunha web municipal que semella secuestrada, incomunicada, enmudecida, silenciada...
Ogallá o da crise económica fose tan doado de arranxar.

09/11/08

Vento en popa



1ª Autonómica Grupo I
Galicia de Mugardos 6-0 Unión
2ª Autonómica Grupo II
Narón B 2-5 Galicia de Mugardos B

Hai quen teima no do dobre ascenso ;)

03/11/08

¿A quen queremos máis?



Dunhas semanas para aquí veño observando pola prensa que Xunta e Concello, Concello e Xunta, manteñen unha lea sobre a titularidade dos terreos sobre os que se vai construír o novo local da confraría de pescadores. En principio, e por outras causas, non puiden prestarlle maior atención.
Fai pouco menos dunha semana souben doutro conflicto Concello-Xunta, agora na cidade de Lugo e por causa das escolas infantís. Foi o plantexamento do alcalde López Orozco o que me fixo cabilar definitivamente nun asunto no que o caso mugardés comezara a facerme remoer os miolos: ¿e a nós, que?
Orozco comeza a súa argumentación así: "o Concello de Lugo, é dicir, o conxunto dos cidadáns censados no termo municipal, posúe algúns terreos [...]", pretendendo situar de partida aos veciños da cidade nun bando (o seu, isto é, o Concello) que ten fronte a el á Xunta. Entón xorde a dúbida ¿Non é a Xunta o conxunto dos cidadáns censados no territorio galego? ¿Non son, entón, os cidadáns de Lugo parte tamén da Xunta? ¿Podemos/debemos os cidadáns tomar partida nas loitas entre as distintas administracións por ver quen nos ofrece os servizos para os que as creamos?
Entendo que Concello, Deputación, Xunta, Ministerio ou quen sexa loite e negocie perante as empresas privadas que se instalan no territorio por obter contraprestacións para todos. Entendo tamén que existan roces entre as administracións por ver quen exerce a xestión dun determinado recurso (velaí temos o proceso de transferencias do Estado á Xunta) pero ¿é aceptable o boicot entre uns e outros? ¿Non somos os cidadáns os principais (únicos) perxudicados? ¿Confunden uns e outros responsables públicos o seu papel de administradores co de señores feudais gardiáns da súa propia fortaleza?
E velaí o caso mugardés: unha obra pública, de financiamento público e para beneficio público (neste caso dun colectivo, pero público). O Concello di que os terreos son seus e exixe contrapartidas. Portos de Galicia o nega. Sexa como for, as máquinas están paradas e os principais afectados coa mosca detrás da orella.
Nun tento de amosalo de xeito gráfico poderiamos pensar que é como se mamá e papá rifasen por ver quen nos da a paga do domingo e, entre mentres, faise luns e quedamos sen paga e sen entender o motivo. Podería valer, se non fose porque Concello e Xunta, Xunta e Concello, non son papá e mamá. Papá e mamá somos nós e a eles os escollemos para que traballen ao noso servizo. Sería convinte que non o esquezan.

24/10/08

Festival de solidariedade cos traballadores de ASTANO



Ás veces o tempo semella xirar en espiral (cara adiante pero repetindo vellos escenarios). ¿De que é víctima ASTANO? ¿Das sancións impostas dende a UE polas subvencións do Estado? ¿O mesmo Estado que hoxe lle saca as castañas do lume aos especuladores banqueiros? ¿Por que non tamén ao estaleiro civil da Ría de Ferrol? Eiquí déixovos o primeiro dos fragmentos do Festival de solidariedade cos traballadores de ASTANO celebrado o 10 de febreiro do 1985 e do que fai xusto dous anos que podemos gozar todos grazas ao amigo Calidonia. E se alguén lle atopa sentido a isto, que o diga.

12/10/08

El tamén é mugardés



Preséntovos ao paporrubio máis coqueto de toda a volta. ¡Que gusto polos flashes! ¡Que xeito de chupar cámara, miña nai querida! Nunca vin cousa á maneira. De Mugardos tiña que ser.

08/10/08

Subvencións municipais (e II)



Se ben nun primeiro momento atendín ao método seguido por uns e outros concellos á hora do reparto das subvencións dos cartos públicos, aínda quedei con fame de saber e quixen analizar máis polo miúdo que é o que se valora nun caso ou noutro. Vexamos:
O primeiro que precisei foi agrupar dalgún xeito os criterios en bloques homologables, xa que cada municipio os organiza dun xeito diferente. Cheguei á conclusión de que podería resumilos nos cinco que vedes:
  • Representatividade: puntos concedidos en base ao número de persoas beneficiarias das actividades, número de socios dunha sociedade, etc.
  • Singularidade: para aqueles criterios que teñen en conta que a actividade sexa novidosa ou non exista nada similar xa organizado por outra entidade no Concello. Encadrei tamén aquí os puntos outorgados polo emprego do galego (non tódolos concellos os conceden), recuperación do patrimonio ou os referentes ao fomento da igualdade de xénero de San Sadurniño
  • Temporalidade: tódolos concellos analizados valoran positivamente o carácter continuado das actividades. Parece lóxico que teña máis valoración (e precise maior investimento) un proxecto a longo prazo e continuado que aquelas actividades puntuais.
  • Viabilidade económica: aquí comezan as diferencias importantes. Bergondo ou Cee empregan o balance económico da actividade para determinar os puntos a levar. A maior equilibrio orzamentario, maior puntuación. Agás que a actividade teña superávit ou o balanzo sexa superior ao 90% (ou sexa, por cada 100 € de gasto, 10 € ou menos de ingreso). Irixoa tamén "valora positivamente a capacidade económica autónoma". Semella un bo xeito de incentivar o "esforzo económico" das sociedades fronte a proxectos máis dependentes da concesión de subvencións públicas. Porén, concellos como Cambre ou Culleredo son moi confusos e non queda nada claro se os puntos os levan as actividades máis deficitarias ou as menos. San Sadurniño é un caso aparte e concede os puntos segundo o valor absoluto do orzamento (a máis cartos investidos, máis puntos). Nin Cerdido nin Outes contemplan estes casos.
  • Complementariedade: nuns casos valórase realizar actividades conxuntas co Concello, noutros a coordinación con outras entidades dun mesmo proxecto.
E atendendo a iso, velaí o resultado. Viaxa dende Bergondo, cun baremo de marcado perfil económico, ata Irixoa, onde as sociedades con maior capacidade de implicación acadan as mellores puntuacións. Entre medias, Cee ou San Sadurniño semellan ser os que amosan máis equilibrio entre criterios. Debullando:
  • Bergondo: representatividade e temporalidade, os dous criterios máis "clásicos", teñen un peso testemuñal (se cadra demasiado testemuñal) en favor dos proxectos que supoñan un esforzo real de autofinanciarse.
  • Cee: aínda que semella un calco do de Bergondo nalgúns aspectos, concedéronlle algo máis de importancia á representatividade e á colaboración con outras entidades en detrimento do equilibrio orzamentario.
  • Cerdido: non ten en consideración cuestión económica ningunha. Polo demais, é un baremo bastante rigoroso na metodoloxía e semella equilibrado en canto á valoración de cada criterio (pouco valorada a temporalidade, tal vez).
  • Cambre: non fomenta diversificación ningunha. Aló diso, e como en Cerdido, o grao de representatividade dos proxectos teñen un peso determinante.
  • Outes: case un calco do de Cerdido, agás por unha metodoloxía de asignación de puntos moitísimo menos clara.
  • Irixoa: sobrevalora a representatividade social e desestima a capacidade de diversificación (non concede puntos por singularidade). Semella un baremo moi conservador, case inaccesible a propostas novidosas e destinado a conceder as axudas "aos de sempre".
  • San Sadurniño: como Cee, dos máis equilibrados e, ademais, cun bo sistema de ponderación (agás no plano económico). Ao contrario que en Irixoa, aquí o peso fundamental recae na capacidade de innovación ou na calidade das propostas de actividade.
Este é o resultado que obtiven. A conclusión que saco é que, xuntando esforzos e puntos de vista, estamos a tempo para que as bases da convocatoria de subvencións en Mugardos para o ano que ven sexan das mellores e máis transparentes do país. Só hai que poñerse máis á obra.

06/10/08

Subvencións municipais (I)



Estes días estarán chegándolles ás sociedades mugardesas as bases da convocatoria pública de subvencións municipais a entidades sen fin de lucro 2008. Nunha primeira ollada non se aprecia nada novidoso, o que tampouco é bo sinal. O método que se aplica á hora de decidir as cantidades que levará cada sociedade é aínda dos máis opacos. Tirando do BOP procurei referencias en concellos da provincia (aínda que o buscador é moi limitado e a elección de concellos foi case que ao chou). Podémonos atopar de todo. E algunhas cousas interesantes:
  • Bergondo ou Cee: Non só publican os criterios a ter en conta para a concesión de subvencións, senón que os desglosan e valoran en puntos acumulables. Incentivan a colaboración entre entidades incluso extramunicipais e contemplan a coincidencia con actividades xa programadas polo Concello como un factor corrector á baixa (o que fomenta a diversificación da oferta). Tamén inclúen unha táboa de asignación de puntos segundo o equilibrio orzamentario das actividades.
  • Cerdido: Probablemente o máis transparente en canto a asignación de puntos. Deixa moi pouca marxe a valoracións subxectivas debullando cada un dos criterios a puntuar e establecendo tramos de puntuación (Bergondo ou Cee só indican a máxima puntuación acadable con cada criterio). O estrano é que, a diferencia dos outros Concellos, en Cerdido as subvencións realízanse por acordo da Alcaldía e non pola Xunta de Goberno.
  • San Sadurniño: Xa na introducción establece que os criterios de valoración "serán ponderados de maneira xustificada". Especifica moi ben o baremo a aplicar canto a duración e contía dos proxectos presentados e, como en Cerdido, tamén indicando tramos de puntuación. A innovación nas propostas, recuperación do patrimonio ou promoción da igualdade entre mulleres e homes son factores correctivos en positivo. Incluso sinala a fórmula a aplicar no sistema de reparto das subvencións.
  • Ares: Dos piores, e gabándose de selo (fai fincapé no carácter discrecional das concesións). Os criterios son moi xerais e non existe ningún tipo de baremo que permita ás asociacións coñecer os motivos obxectivos polos que reciben (ou deixan de recibir) subvencións municipais. Valora positivamente a colaboración co Concello e as actividades que este realiza (noutros municipios incentívanse as propostas alternativas ou que non se solapen, pero en Ares non).
  • Mugardos: Case igual que o de Ares. Non establece os baremos a seguir, nin define se a complementariedade co Concello é un factor corrector positivo ou negativo (ainda que a interpretación en contexto apunta a que é positivo). Os criterios polos que di rexirse non son máis que un bosquexo. En resumo: case nulas garantías dun reparto non arbitrario.
  • Valdoviño: Como contrapunto, o Concello de Valdoviño nin tan sequera publica no BOP as bases reguladoras para a concesión de subvencións.
  • Outros casos significativos: Nas bases publicadas polo Concello de Culleredo indícase que as subvencións outorgaranse aos "solicitantes que obteñan a mellor valoración", o que non semella que sexa un sistema especialmente xusto/proporcional de reparto. En Irixoa existe unha Comisión de Subvencións na que ningún dos vogais pode ter "interese directo ou indirecto nas solicitudes e no procedemento de concesión". Algo que non parecería necesario se o baremo fose suficientemente transparente.
Temos, polo tanto, que Mugardos está á cola en canto á transparencia coa que as nosas sociedades reciben cartos públicos. Situación que conviría inverter o máis axiña posible polo ben do movemento asociativo do concello e da confianza dos/as cidadáns cara á administración.

03/10/08

Mugardeses ilustres: José Manuel Iglesias



De existir, a alma da xente ten que ser aquelo que a fai perdurar no tempo e na memoria máis aló do seu paso polo mundo. Sendo así, José Manuel deixa a súa alma con nós.

20/09/08

Breve cursiño para conducir por Mugardos (XXI)



Vieiras tóxicas.

NOTA: Dubidei ata o último momento entre dous enfoques do tema das vieiras. Un é este que vedes, o outro titulábase Vieiras piratas. Este céntrase no problema ambiental que supón a contaminación das rías. O outro, claro, no problema do furtivismo. Este ten como "vítimas colaterais" ás mariscadoras e mariscadores legais de vieira sá que puideran perder demanda. O outro, o dos furtivos, serve para usalos como chibo expiatorio.
Pareceume que a raíz do problema era o feito de existir toxinas en vieiras da ría (o que faría que algúns restauradores poidan ser condenados por delitos contra a saúde pública) e, xa que logo, decidín centrarme na cuestión ambiental denantes que na penal. Claro que o enfoque da meirande parte dos medios informativos alternou entre o sensacionalismo e a crónica negra, menos molesta coas grandes industrias-anunciadoras responsables en orixe da situación.
Apuntamento curioso: en xaneiro La Voz publicaba a nova da expulsión de 51 furtivos da ría de Ferrol. Roubaban ameixa fina, babosa, nécoras, zamburiñas e ostras. Do —polo visto— tan demandado mercado das vieiras... nadiña de nada.

19/09/08

¿A UPG e a hixiene da ría?



Esta imaxe circulaba hoxe pola vila. Chama a atención un carimbo co nome da «Unión do Pobo Galego» sobreimpreso (sáibase que a UPG que a todos lles virá á mente é «Unión do Povo Galego», con v). ¿Alguén sería tan amable de traducir o significado disto?

16/09/08

Mugardeses ilustres: Taru



A Taru e os Paxaros Coiro xa lle dedicara fai ano e medio unha entrada neste blogue o día que soou por vez primeira na Radio Galega. Dende aquela teño a sensación de que a súa carreira musical medrou constantemente. Atopeilles este vídeo no YouTube. Fai unha música simplemente deliciosa. Outro ilustre que agardemos volver a escoitar axiña por estes lares.

04/09/08

Eles eran mugardeses



E velaí a loita fratricida terra-aire entre pulpeiros (sendo rigorosos, Rodríguez, o gato, naceu en Barallobre… pero paceu na Fontegrande). A tensión mascábase. O sangue fervía. Rodríguez xogaba coa pega preparando a rabuñada final… Pero aquí un menda, logo de botar a foto de rigor (pedíanmo a berros), arrancou ao sprint a calmar o instinto predador felino e a pega puxo alas-en-polvorosa ;)

Nota necrolóxica: Rodríguez desapareceu durante a xaneira do último inverno. Non hai probas, pero un infra-humano dos arredores gábase de linchar a tiros de escopeta ao primeiro bicho que pise a súa finca que non sexan os seus cans-exploradores-de-fincas-alleas. Pagaríalle coa mesma moeda se eu tamén fose un infra-humano. Ten sorte.

29/08/08

I Festa dos Callos



Si, vale, creo que chego un pouco tarde, ¡pero San Xoán de Piñeiro tamén existe!

28/08/08

Caladiños: accidente* en Punta Promontorio



Onte, mércores 27, a iso das 12 do mediodía, comezaron a soar sereas en Punta Promontorio. Como unhas tres ou catro ao tempo. Dende onde agora estou escribindo sepáranme non ben os 450 metros do tutti frutti industrial perpetrado por Tojeiro. As sereas escoitábanse ben, berraban alto. Como estes días andan a falar da chapuza de plan de emerxencia convencinme de que se trataba dalgo diso, pero o son das sereas desacougaba un pouco e pechei as fiestras da casa, non fora ser. Duraron dous ou tres minutos e logo calaron para dar paso pouco despois a outra de son distinto e máis continuado. "Andarán probándoas", pensei sen querer darlle máis importancia.
Agardaba con escepticismo a hoxe para enterarme pola prensa do que realmente pasara. Non fixo falla. Vía Chuza! din co vídeo que tedes aquí arriba e logo atopei a nova do accidente no complexo petroquímico. Os de sempre (uns e outros), caladiños coma bos lacaios de quen insire xenerosamente publicidade nas súas páxinas. É lamentable a falta absoluta de respecto que teñen por nós. A ocultación da realidade. A mentira. E xa non se trata de calar aos que nos opoñemos a que unha planta de gas a metan onde a meteron. Trátase da perda de dignidade dun pobo enteiro. Dos que estamos en contra e dos que están a favor. Porque supoño eu que os que queredes a Reganosa en Punta Promontorio non lle entregastes un cheque en branco para que vos chulee con cousas como esta e moito piores. Estariades bos.

P.D.: Cando menos, unhas palabriñas do señor Alcalde dando conta do acontecido ¿non? ¿Que temos que facer a vindeira vez que soen as sereas? Porque eu non teño nin puñetera idea e teño dous tanques diante dos fuciños. Un pouquiño de seriedade non viña mal.

* Nota de Ártabra 21: "A nova que publicou Artabra 21 às 01:48 hrs do 28/08/08 na súa primeira edición e ampliada logo en dúas edicións máis, en relación a un accidente ocurrido en "Forestal del Atlántico" corresponden realmente a setembro do 2007. A fonte que enviou as imaxes as databa no día de onte [27.08.2008] polo que deu lugar a confusión. A noticia se reafirmou ao dar outra fonte información das sereias de alarma que se escoitaron en Mugardos. Ártabra 21 continua investigando sobre a orixe destas imaxes e o porqué non apareceron publicadas antes. Desde Artabra 21 pedimos desculpas pola confusión creada e reafirmamonos no compromiso de continuar informando dun xeito crítico e veraz sobre todo o relacionado coa planta regasificadora de Mugardos."

Xa que logo, e como parece que accidente non houbo, xorden outras preguntas: ¿Poden unhas instalacións de risco como as de Punta Promontorio facer saltar as alarmas (que como o seu propio nome indica, serven para "alarmar") como se da proba de son da orquestra do patrón se tratase? ¿Non é máis propio de xente seria dar debida conta? ¿Foron definitivamente probas de son ou aconteceu realmente algo? ¿Haberá máis probas de son sen avisar á veciñanza? ¿Como distinguiremos entón as probas das alarmas verdadeiras os que vivimos preto da planta? ¿Sairá un speaker con aquilo de "si, si, hola, si, probando, uno, dos"? O meu desacougo foi real. Pediría un pouco de responsabilidade a quen competa.

17/08/08

PulPosition



¿Quen dixo a que Mugardos non era a primeira Festa do Polbo en ambiente festeiro? (Ademais, os chungos de Carballiño aínda lle chaman "Festa do Pulpo", prfff!!).

15/08/08

Acapulpo Beach



Pois agora dáseme por ensinarvos os deseños que fixen para algunhas peñas na Festa do Polbo, a ver que vos parecen. Velaí a primeira.

04/08/08

Tódalas portadas do vello «Mugardos en Internet»



¿Alguén lembra aquel Mugardos en Internet? Nacera no verán do 2002 e durante dous anos e medio tentou matar un pouquiño a fame de actualidade pulpeira que puidera ter unha comunidade interneteira que aínda daba os seus primeiros pasos. Como quen non quere a cousa, foise acumulando material gráfico e aínda agora paseo ás veces por aquelas páxinas que quedarán de hemeroteca. Hoxe comparto con vós case tódalas portadas que deseñara para aquela miña primeira incursión pola rede. Que vos preste.

01/08/08

Solteiras vs Casadas: o desquite



Chegou o día do desquite. Chegou o día no que as mugardesas con alianza poderán resarcirse do duro correctivo inflixido polas mozas solteiras aló polo mes de febreiro. Mañá sábado, ás 18:30 no campo da Pedreira unhas e outras volveranse a ver as caras. O ruxe ruxe apunta a que houbo movementos no mercado de fichaxes e desta volta a contenda vai andar máis parella. As espadas están no alto.

Alea jacta est!

29/07/08

Balakandra



Comparto o descubrimento que veño de facer. Os Balakandra son de San Sadurniño pero eu facíaos fillos adoptivos sen pensalo máis. A iniciativa popular, claro, porque a vía institucional habíana de ter fodida acó e aló. Eche o que ten facerlle fronte ao stablishment.

Pegóuseme o ¡que perigo ten!

22/07/08

Festas de Mugardos 2008, balanzo final



As festas de Mugardos medran ano a ano, seguramente a causa do cromosoma caralletas que levamos de serie. Que treman os Sanjuerguines.
Velaquí uns apuntamentos varios do que a meu entender podería axudar a que para o ano o mundo enteiro nos teña como referente verbeneiro:
  1. Se cadra Festa do Polbo á Mugardesa diferenciábanos un pouco máis, por iso de ter como duros competidores aos de Carballiño. Ao tempo, incidíamos na cuestión de ter o noso propio xeito de cociñar o polbo, para que os fodechinchos saiban que o que aquí se ven a comer é polbo con cebola, pementos e cachelos.
  2. Polo escoitado na vila, aos mariñeiros facíalles máis gracia celebrar o día do Carme a posteriori do 16, non antes. Ben, pois ¿que tal estaría intercambiar a fin de semana das Festas do Carme coa da Festa do Polbo?
  3. O corpo pedía fogos artificiais o domingo 20 que é cando realmente despedimos a carallada pulpeira ata o ano que ven. Soltalos o día 13 fixo que fosen máis entrante que postre. Si, xa sei que os fogos bótanse co final das festas do Carme, pero co intercambio de datas quedaba o asunto niquelado.
  4. O concurso de camisolas foi un acerto da Comisión de Festas (¡que vou dicir eu, se gañou un deseño meu!). Aproveita unha costume que xa ten arraigo para facela medrar. Sería caralludo facer competir ás peñas nalgún que outro xogo aproveitando que as temos uniformadas. Na Festa da Dorna de Ribeira, por exemplo, cada peña ten o seu propio nome e cada unha delas argalla algún concurso-carallada durante as festas.
  5. Precisamos I+D. ¿Que tal un concurso de pinchos de polbo suculentamente dotado pola organización competente? ¡Innovación ao poder! ¡Que se note que somos referente culinario! Veño de fixarme nos Sanfermíns deste ano como en moitos locais teñen pinchos con etiquetas tipo "Mejor pincho del año 1995" e diplomas colgados nas paredes como gañadores dos concursos de pinchos de cada ano. Moi boa idea para importar.
  6. Hosteleiros de Mugardos, poñédevos as pilas. En plenas festas ter os locais pechados media tarde ten delito. Nunca tal vin por aí adiante, e xa levo unhas poucas festas percorridas. A opinión, ademais, é xeralizada. ¡Non digades que non vos compensa!

21/07/08

Festival da Patria



Que non marche ninguén que a festa aínda non rematou. De hoxe en tres días temos na Pedreira o conciertazo cos grupos pulpeiros Bronze, Punto Crítico, Dark Inside e Rigor Mortis, cuns teloneiros de luxo: Astarot ;)
E como o día seguinte é festivo, non hai escusa que sirva.

19/07/08

Breve cursiño para conducir por Mugardos (XX)



Precaución: dedocracia.

Digo eu que todos temos os mesmos dereitos e as mesmas oportunidades, ¿non si? ¿O contrario como se chamaría, caciquismo? Pois veña, a ver se ao final non chega o sangue ao río...

16/07/08

Happy family



Pois ala, outra proposta de camisola. Este sábado na XVIII Festa do Polbo dame na alma que vai haber vaiedade e cantidade no tema camisoleiro ;)

¡¡¡Festa do Polbo á Mugardesa de interese turístico XA!!!

09/07/08

¡¡¡Si, si, si, o ránking xa está aquí!!!



E velaquí está unha nova edición do Campionato Mundial de Rondas Mugardesas. Edición que, por cadrar en plenas festas, promete fulminar rexistros de participación. E é que en Mugardos as rondas sonche unha relixión.
Lembrade que os novos Reis do Ránking das Rondas decidiranse o venres 18 a partires das 21:00 no templo rondeiro da vila (O Trope). A inscrición é de balde e o prazo abrirase media hora antes (ás 20:30).
¿Xa tedes parella?

03/07/08

Chocolatina



Que digo eu que haberá que ir presentando a colección de camisolas Verán 2008, ¿non?

19/06/08

A finalísima



Espabilade, porque andamos apuntando canta xente se ven de ronda-xantar-final o sábado 28 a San Sadurniño para animar ao Galicia de Mugardos e traernos de volta outra Copa da Ría máis para o pucheiro. Si, vale, aínda hai que xogar o partido de volta, pero despois do 0-4 da ida, se os rapaces de Cata perden de 5 contra o Miño os corremos a gorrazos e os facemos pagar as camisolas :)

O conto é que precisamos saber canto antes a xente que se vai animar á festa copeira previa á finalísima. No máis selecto dos locais pulpeiros tedes onde anotarvos. Non tedes máis que preguntar. Déixovos o debuxo da camisola deste ano. ¿Mola?

18/06/08

Foto-denuncia: anarkaparkamento



Tivo éxito a nova sección de foto-denuncia. Remítenme unha estampa referida a un problema tan familiar como endémico nestes lares: o aparcamento. Non puiden evitar rescatar do baúl das lembranzas unha vella "reportaxe" daquel Mugardos en Internet. O caso é que cos pivotes semellaba que por fin os peóns poderían gozar das beirarrúas mugardesas. ¡Que luxo! ...Craso erro. O de sempre: cada quen fai o que lle peta sen pensar no resto.

Insisto: temos aí as festas. Non custa tanto poñer un pouquiño da nosa parte para ter a vila en condicións. Logo envexamos aos países do norte, claro... será que son menos cafres.

16/06/08

Foto-denuncia: mantén limpo Mugardos



Non sexades cochos/as. Os contedores do lixo indícano ben clariño: "Recollida de enseres domésticos as noites do 2º e último mércores de cada mes". Se cada quen fai o que lle peta imos rematar co pobo cheo de merda. As festas están aí xa e ninguén quererá que os turistas marchen do pobo falando mal nosa, ¿ou? Claro que parte de culpa se cadra a ten o calendario do concello deste ano, que marca os días como o carallo. Así hai despistes. Non fagades caso del e guiádevos polo que ven nos contedores. Os enseres sonvos moi voluminosos e non é moi cívico tiralos á rúa quince días antes de que pase o camión.
Veña, xa veredes que bonitiño deixamos o pobo ;)

09/06/08

A pola Copa!



Con moi bo criterio, a meu entender, a Delegación de Ferrol da "Federación Gallega de Fútol" (sic) mantén o mesmo trofeo des que instaurou o novo formato de Copa. Esta é a súa novena edición e das oito anteriores o Galicia gañou 3 e perdeu outras dúas finais.
Hoxe celebrouse o sorteo de semifinais. O Miño agarda por nós. Pola rede xa circúla o "podemos" pulpeiro e eu, claro, non me puiden resistir a aportar a miña versión ;)

03/06/08

Os cromos do Galicia



Onde o mundo deixa de chamarse Mugardos disque os nenos xuntan cromos dos raúles e ronaldinhos que só poden ver pola tele. Nós, neste pequeno universo pulpeiro, temos o noso propio firmamento futbolístico brillando cada semana na Pedreira e a xente nova e menos nova pode coleccionar xogadores de carne e oso, amigos, veciños, fillos ou irmáns só con achegarse a Sport 88 e pedir "os cromos do Galicia". É, sen ningunha dúbida, o proxecto máis fermoso no que me teño embarcado a día de hoxe. Proxecto que non fai máis que comezar e promete ampliar a constelación mugardesa ata onde unha estrela verde (a máis nova ou a máis vella) brille con luz propia.

17/05/08

Sevilla coñece Mugardos



Mrs. Chinaski tivo a ben enviarme esta foto da "Plaza de España" de Sevilla. Comprobo o que sospeitaba: Mugardos é unha referencia xeográfica de primeira orde. Case que estou por perdoarlles o Rianjo, Órdenes, Puentedeume, Noya, Conjo, etc. Menos mal que o noso topónimo non da pe a burradas desas (¡vai ti saber o que saía!). Preparádevos para a invasión quilla no verán :)

15/05/08

XI Concurso de carteis «Festa do Polbo»



Este ano animeime a presentar candidato ao XI Concurso de carteis «Festa do Polbo» cunha chiscadela á década oitenteira cun "comepolbos" estilo Pac-Man. Non houbo sorte, que se lle vai facer, pero aínda me quedan ideas para plasmar en camisolas. Incluso podería animarme a facer unha adaptación disto. A ver... :)

13/05/08

Espermatozoidus pulpeirus



Non se me ocorreu mellor xeito de ir actualizando o blogue (falta lle facía) que ir adiantando algunhas ideas para a colección de camisolas deste verán. E que vaian collendo recorte os fodechinchos. ¿Préstavos?

30/04/08

Mugardesas ilustres: Teresa Cameselle



E velaquí está. En canto unha anónima me puxo en coñecemento que tiñamos a unha escritora mugardesa —Teresa Cameselle— gañadora dun premio literario acudín lixeiro a facerme cun exemplar. Será a miña primeira incursión na novela romántica pero, vaia, sempre hai unha primeira vez. Non me pidades sinopse e facédevos vós mesmos cun exemplar ;)

23/04/08

Poolbo



Ei, ti, fodechinchos, ¿que fas no Jujel mirando pola festa do polbo de Carballiño? Non hai nada que buscar, que xa o atopaches: a Festa do Polbo por excelencia está aquí, en Mugardos ¿ou é que Carballiño ten porto de mar? Aiiiins, pasa anda, pasa...

18/04/08

Portomagno e o día da nai



Continúan as iniciativas dinamizadoras do comercio e hostalería mugardeses por parte de Portomagno. Cada "consumidor" (como dan en chamarnos os macroeconomistas) ten unha boa oportunidade para ter un detalle cunha nai cada vez que merque nun dos establecementos asociados, xa que teñen en marcha un sorteo dunha cea valorada en 100 € para dúas persoas.

É moi ilusionante ver como nos facemos conscientes de defender un proxecto común e loitamos por levalo adiante, malia os atrancos. Portomagno é aínda unha asociación moi nova, pero a bo seguro seguirá enriquecendo o día a día pulpeiro. Noraboa tamén para eles, e sorte nesta andaina.

09/04/08

Mugardesas ilustres: Elisa Vázquez Doval



Non era a miña intención xuntar dúas entradas sobre ilustres do pobo, pero vaia... neste caso o calendario obriga. O caso que, vía canariodopenedo, descubro que Elisa, compañeira miña na Colleita do 77 do Unión Mugardesa, será este venres 11 a protagonista do ciclo "O piano de vangarda" para a Fundación Caixa Galicia. Sobre ela, ademais, din o seguinte:

"Elisa Vázquez ten unha ampla traxectoria como solista, músico de cámara e pedagoga. Durante a súa carreira, deu concertos en distintos países de Europa e recibiu invitacións para tocar en prestixiosas salas de concertos, como o Concertgebouw en Amsterdam e o Vredenburg en Utrecht.
O seu especial interese pola música contemporánea levouna a investigar e difundir o repertorio para piano das últimas dúas décadas, a música contemporánea máis recente.
Nace en Mugardos, A Coruña. Realiza estudos de piano no Conservatorio Superior de Santiago de Compostela e no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid. Posteriormente, amplía a súa formación na Escola de Música de Barcelona e no Conservatorio de Rotterdam. En 2006, recibe un Máster en Piano do Conservatorio de Utrecht. Os seus principais mestres foron: Klára Würtz, Michael Davidson, Manuel Carra, Julián López-Gimeno, Albert Atenelle e Corina Carregado.
Recibiu apoios e bolsas de importantes entidades como: o Ministerio de Asuntos Exteriores, a Fundación Caixa Galicia, a Deputación da Coruña e a Comunidade de Madrid."

Bravo por ti, Elisa.
Sómosche terra de artistas :)

07/04/08

Mugardeses ilustres: Caco



Pois tiña pensado dedicarlle a entrada ao ascenso do Galicia B, pero unha vez escollida a foto case que o vou facer dun xeito implícito e poñer de releve a ese home de bigote que estades vendo aí tan pleno e merecidamente empapadiño, como manda a tradición. Un ilustre do pobo e un home-bo. ¡Noraboa, Caco! ¡Noraboa a todos vós, rapaces! ¡Noraboa Mugardos!

03/04/08

A web que languidece



A sociedade da comunicación avanza lixeira, ás veces sen tempo a asimilar os cambios que produce na nosa vida cotiá. Internet é hoxe unha ferramenta que xa ten demostrado a súa utilidade á hora de democratizar o acceso de todos/as á información, e a súa implantación nos fogares é cada día meirande que o anterior. Sendo así, é difícil atopar unha explicación á situación actual das webs que poderiamos entender como representativas do pobo mugardés.
A web do Concello de Mugardos, pola súa función de servizo público e de información á cidadanía é, a bo seguro, a que mellor exemplifica esta eiva. O seu ritmo de actualización decaeu de xeito preocupante nos últimos meses. No mes de febreiro, como paradigma, o Concello só publicou na súa web oficial dúas novas e unha orde do día. Lonxe queda o ritmo acadado os meses previos ás eleccións municipais. ¿É isto reflexo da actividade xerada dende a administración municipal? Non, a bo seguro. Só hai que prestar atención aos xornais para comprobar que o problema reside máis no rol cuase-folclórico que se lle está concedendo á web por parte de quen corresponda, e a escasa importancia dada ao seu papel de informador da veciñanza mugardesa. No concello de Fene (usémolo como referente de mellor facer) cóntanse por dúas e tres as entradas diarias que converten fenecidadan.net nun auténtico portal para tódolos feneses/as.
Pero se o panorama na web do Concello é desalentador, máis aínda é ollar cara a dos partidos políticos da vila. Sálvanse da queima BNG e EU-IU, que botaron man dunha ferramenta áxil e doada de administrar como son as bitácoras. Con todo, poderíaselles pedir algo máis de vida: a web nacionalista apenas reaxiu co gallo das últimas eleccións; a de EU-IU parece non saber falarlle aos veciños e veciñas máis que do Caso Virgin. Pero é que se atendemos ás webs do PP ou PSOE a situación pasa a ser lamentable. A do PP por ser só un semi-voluntarioso amago de trasladar a campaña das municipais á rede. Deseño e estrutura dignos, aínda que pensados para o navegador de Microsoft, non para o resto. Aí quedou a cousa. Dende entón, cero patatero. E a do PSdeG-PSOE, tanto ou máis lamentable que a anterior. Primeiro por un deseño e estruturas impropios deste século. Segundo, por adoecer dun tempo a esta parte do mesmo que adoece a de EU-IU: só interesa trasladar aos veciños o último sobre a trama urbanística. Do resto, nada de nada.
E velaquí un panorama que deixa claro que a rede mugardesa ten aínda moito que mellorar. Polo ben de todos e todas.

02/04/08

O día F do equipo B



Mugardos échevos unha vila festeira. Poucos poden presumir de ter un circuíto rondeiro tan ben definido coma o noso, que comeza no Jarabeta e remata... poñamos que no Trope. As gañas de festa son tal que cando non hai, inventámola. E así é como os rapaces do "Equipo B" do Galicia decidiron que xa ía tocando celebrar algo e propuxéronse ascender este mesmo sábado no campo do Cabanas, alí xunto á praia. E iso só para abrir boca, porque aínda pode caer o título de liga.
Se todo sae ben a noite do sábado promete ser longa. Achégase o día F (de "Festa") do Equipo B.
Agardámosvos en Cabanas... e logo na vila ;)

26/03/08

Para os que botades de menos o foro



Foi tan doado como pescudar no Google "foro mugardos". Alí estaba o foro-ciudad.com. Ten todiña a pinta de estar xestionado por un bot, así que probablemente poidades soltar toda a vosa adrenalina sen que me volvan a dar ataques de ansiedade mentres non estou diante do PC. Ten tamén a posibilidade de subir fotos, de crear un diccionario pulpeiro, ¡unha marabilla! Ala, agora enchelo de lercheadas e contidos é cousa vosa (e igual ata me animo eu un día destes).