30/12/2007

O pobo de moda



Diálogo entre estudantes en Santiago (1997):
- Ola guapísima, de onde ves sendo?
- De Vigo, e ti?
- De Ferrol...
- Bueno, de Vigo Vigo exactamente non, son de Arcade, coñeces?
- Mmmm, nin papa. Eu tampouco che son de Ferrol, son de Mugardos, xustiño do outro lado da ría, coñeces?
- Mmmm, nin papa...

Diálogo entre ex-estudantes en Santiago (2007):
- Ola guapísima, de onde ves sendo?
- De Arcade
- Coño, como a perruqueira do Interviú!
- Pois si, e ti?
- Eu de Mugardos
- Coño! Vaia unhas que montades por alí, eh!

Nota: Mugardos foi no 2007 un dos principais protagonistas da actualidade na web de novas galegas Chuza!. Estamos de moda.

22/12/2007

Solteiros 0-2 Casados



Ou ese foi o resultado que percibín. O balón aquel non entrara :)

Vale, vale, as fotos: aquí a de todiños, aquí a dos casados e aquí a dos solteiros.
E vai tamén un vídeo con polémica.

video

21/12/2007

Artritris en «A Nosa Terra»



«A Nosa Terra», o xornal no que colaboraron Castelao, Cabanillas ou Manuel Antonio celebra neste 2007 o seu centenario renovando a súa edición dixital. Hoxe, grazas á recomendación de Berto, teño a honra de aparecer nas súas páxinas de humor gráfico, con artigo e todo. Un luxazo. E se cadra non é a derradeira vez :)

20/12/2007

Mugardos, ano 22027



Descubro en Voz Natura os efectos do aumento do nivel do mar que se nos ven enriba. En canto teña con quen ter fillos —e os teña— avisareinos de que avisen aos seus respectivos fillos, e que aqueles perpetúen xeración tras xeración o aviso de que non merquen casa preto de onde hoxe temos a liña de costa.
Para que logo se queixen da prohibición de construír a 500 metros.

17/12/2007

O Ránking das Rondas



Mugardesas e mugardeses, sentide xa a proximidade das festas porque os locais todos, dende a Jarabeta ata o Millenium, dende o Malecón ao Trope, agardan xa ser invadidos por ordas de veciños de aquí e do exilio desexosos dos reencontros propios destas datas.

O Nadal 2007 chega este ano cunha novidade: o recoñecemento ás "Rondas" interxeracionais como feito cultural propio do mugardesismo. Fagámolo valer. Concedamos o galardón ao "Rei do Ránking das Rondas" do Nadal 2007. ¿Póñenvos pinchos? ¿É onde máis amizades atopades? ¿Teñen vetado o reaggeton? Vós mesmos decidides. ¿O premio? Ao local campión un xogo de camisolas personalizado co seu propio anagrama e o distintivo do "Rei do Ránking das Rondas". Alí mesmo, a noite de reis, o premio será para a parella de rondas gañadora do "Campionato Mugardés das Rondas": camisola de campións e algúns regaliños máis.

¿Xa tedes parella?

12/12/2007

Pido desculpas



A todo o que agardaba de min outra cousa. Todos temos un límite psicolóxico. Isto é un punto e aparte.

11/12/2007

María Alicia Martínez Leira



No seu día caeu nas miñas mans esta foto. Na familia non había constancia da súa existencia. A primeira pola dereita chamábase María Alicia Martínez Leira, "Maruja" na casa. Irmá de Francisco Martínez Leira "Pancho". Cos anos, tamén bisavoa miña. A foto sacáronlla a un grupo de mulleres da vila presas nos cárceres franquistas nos tempos en que pensar libremente privábache da liberdade. Préstame facerlle esta dedicatoria.

01/12/2007

Sempre en Mugardos



É reconfortante ver como en Mugardos aínda podemos gozar de campañas xurdidas da propia cidadanía, sen atopar por ningures o escudo do Concello.
Portomagno, a Asociación de Empresarios/as de Comercio e Hostalería de Mugardos comeza a dar agora os seus primeiros pasos, pero pode supoñer unha bocanada de aire fresco. Polo de pronto, os/as mugardeses/as xa temos un motivo para deixar os cartiños no pobo neste nadal sen necesidade de achegarnos a Ares, Fene, Narón ou Ferrol. Parafraseando aos feneses "Mugardés, merca en Mugardos". ¡E ademais agora podemos sacarlle moi bo proveito!