30/11/07

A "coces" coa información (II)



Segunda entrega das "incorreccións" nas que cae "La Voz de Galicia" cando toca informar de Reganosa. Pensar que hai xente que cobra por escribir estas "reportaxes" e xente que paga por leelas..

28/11/07

Emotipolbos



Recuperando o rego mugardoscéntrico, en canto dispoña do tempo que ultimamente non teño porei á vosa disposición a miña pequena contribución ao espallamento da cultura-polbeira-mugardesa cunha colección de emotipolbos para messenger e chateos varios. Prometo camisola tamén. ¿Gústavos?

25/11/07

AEG



Manteño a vista atrás. Calquera tempo pasado parece mellor. Bótase de menos o idealismo que hoxe tentan derrubar individuos máis propios dun pesadelo de Kafka (autor ao que na puta vida lle leeron unha páxina) que da vida real.
En 1995, no daquela «Instituto de Bacharelato Mixto de Mugardos» (hoxe Instituto de Ensino Secundario) a «Equipa de Normalización Lingüística» tiraba a toalla laiándose de falta de apoio ao seu traballo. Non foi o xérmolo, pero si o catalizador do nacemento dunha alternativa xurdida no propio seo do estudantado: a «Asociación de Estudantes por Galiza». Alguén tiña que argallar o movimento cultural, e fixémolo nós mesmos. Durante case 3 anos a A.E.G. estivo detrás de proxeccións de cine galego, concertos e macroconcertos, edicións de revistas, organización do Día das Letras...
Na súa "época dourada" chegou a contar con máis de 30 alumnos activos e, polo que contan os que viñeron atrás, marcou unha época pequechiña na pequena historia dunha institución que se achegaba naqueles anos á súa primeira década de vida.

21/11/07

Club Atlético Deportivo Leima



Non sabería dicir con cantos mugardeses das quintas do 1975 ao 1979 compartín as pistas polideportivas, campeiros e prazas de Mugardos enrolados nalgúns daqueles míticos "equipos de barrio" durante os anos 80. O Macabi, o Tropezón, A Pedreira, os da Cruz dos Caídos, a Calle María. Entre que eu era moi mediocre para iso do fútbol e que aínda era dos máis novos non tocaba moita bola no Macabi, así que marchamos un pequeno grupo de suplentes frustrados e decidimos que se non tiñamos sitio en ningún equipo habiamos de facer o noso propio. Xa daquela tiraba moito polo debuxo e soñaba escudos sobre as últimas follas das libretas de matemáticas. O noso equipo chamaríase "Leima" e o noso uniforme sería aquela camisola cun balón ben grande de baloncesto que viña coas bolsas (daquela eran bolsas) do leite Leyma. Todos tiñamos unha. E conta a lenda que co tempo aquel equipo fíxose grande, e chegou a ser nalgún momento o mellor de todo Mugardos. É certo, preguntade. Este de aquí era o noso escudo. Non precisei volver a velo para redebuxalo, repasei tantas veces os seus trazos que será das cousas que nunca esqueza. Que tempos...