27/08/07

Linguas cruzadas



Hoxe fago viaxe máis aló das fronteiras pulpeiras para rescatar do Google Video esta reportaxe e ofrecerlla a canta xente nova da vila teña a ben dedicarlle uns minutiños. Identifiqueime moito coa rapariga de Marín que recoñecía ser a única galegofalante do seu instituto, inda que nos meus tempos chegouse a extender un chisquiño a "epidemia" ;)

23/08/07

A miseria sen límite



Asumín no seu día que manter as miñas ideas por enriba de dictames gregarios podería ter un prezo político. O que non imaxinei é que a miseria humana alcanzase cotas tan altas como para dar o salto ao terreo persoal. Dende onte un anónimo molesto coas miñas opinións sobre a planta de gas dedícase a usar este mesmo blog no que eu me identifico publicamente para atacar á miña familia, a persoas que nunca escolleron entrar neste circo de Internet. Onte borrei todo canto escribiu, hoxe deixarei que vexades ata onde é capaz de chegar esta xente e imaxinedes de onde veñen os tiros (que é o que máis doe).

17/08/07

Entrou





Á segunda, pero entrou. E como mañá non estou, velaí a razón:

Lugares de Interese Comunitario na Ría de Ferrol



Aquí tendes o mapa dos Lugares de Interese Comunitario para a Ría de Ferrol. Podedes comprobar como a entrada ao interior está encadrada neles, como xa advertiu o CCE. Pois esa entrada da ría, protexida ambientalmente, queren dragala para que os gaseiros pasen tódalas semanas sen ter que depender da marea alta. Claro que conseguir dragar un espazo LIC non vai ser cousa de tres días. Eis unha mostra máis da descomunal cafrada que temos diante.

16/08/07

Os veciños de Meá (día 24)



A visita de Xosé Manuel Beiras aos veciños de Meá axudou a demostrar que o problema da planta de Reganosa no interior da ría transcende dos posicionamentos públicos dos partidos políticos e afecta transversalmente a todos eles provocando (nalgúns máis dramaticamente que noutros) fendas nos seus propios seos. Non é, malia o que moitos pretendan transmitir para propio consolo, a loita de IU contra o resto. Dou fe.

13/08/07

Máis adhesións



As festas de Ferrol están convertíndose nunha fonte inesgotable de adhesión ao movimento pro-sentido-común abandeirado nestas datas polos veciños de Meá. O venres eran os Mystic Feah Rockers, teloneiros no concerto de Muchachito Bombo Infierno no Raíña Sofía, os que nos agasallaron cun temazo en clave ska co que cantamos "A ría é nosa e non de Reganosa" ata fartar. O sábado era Banda Bassotti quen erguía a bandeira do sentido común nun recinto ateigado de xente (¿efecto anti-reaccionarios?). ¡A seguir así!

Foto extraída de www.primeiralinha.org

09/08/07

Os veciños de Meá (día 17)



Onte foi o polifacético Xurxo Souto quen quixo achegarse por Mugardos para dar folgos aos veciños de Meá pechados na Casa Consistorial. Conseguiu crear un clima distendido e de ilusión por conquerir os obxectivos. Non foi o primeiro persoeiro en achegarse ata o Concello. Os cantautores João Afonso, Luis Pastor e Pepe Constenla, a actriz Mabel Rivera e o director Enrique Banet quixeron tamén amosar o seu apoio á causa. Non serán os últimos.

07/08/07

Mugardesas ilustres: Mercedes Roldós



Hoxe vai de ilustres, porque onte déronme conta dunha mugardesa que é Consejera de Sanidad do goberno canario e antes Diputada no Congreso polo Grupo Popular. Non é exactamente da miña corda, pero iso non lle resta mérito :)

03/08/07

Accidente en planta de GNL en Australia, ou como a Lei de Morgan castiga as cafradas



Si, vale, «Noche de impacto» peca de sensacionalismo. A min tanto me ten o dramatismo da voz en off, e tampouco se trata de crear alarmismo, pero cando as leis indican os radios de achegamento destas plantas de GNL aos núcleos de poboación será en previsión de accidentes deste tipo.

A estúpida teoría de "non vai pasar nada" estame facedo plantexar montar almacén pirotécnico no Cano da Rúa. Primeiro vou pedir permiso para facer un alpendre de 50 m², en realidade construireino de 150 m² e logo alegarei que teño espazo suficiente para ser almacén pirotécnico. Logo farei socio da miña empresa á Administración que máis me conveña para que lle dea aceite ao meu plan. Poñerei anuncios (tradúzase a €uros) tódalas semanas na Voz, á que lle pasarei notas de prensa prometendo ducias de postos de emprego para asegurarme de que os sindicatos non dan chío. Ao final, terei montado o meu almacén pirotécnico con toneladas de pólvora no Cano da Rúa e pedirei licencia de actividade. Por último, redactarei un Plan de Emerxencia xeitosiño, feito adrede para a miña pirotécnica-no-medio-do-pobo, e un a un irei chimpando a canto veciño non escapase aínda do meu alento... Ríete ti das estratexias de Tojeiro!

01/08/07

Eles tamén son mugardeses



Como estamos en días de calor e festa, aí vo-lo deixo:

Ay...
Me sube la bilirrubina
¡ay! me sube la bilirrubina
cuando te miro y no me miras
¡ay! cuando te miro y no me miras
y no lo quita la aspirina
¡no! ni un suero con penicilina
es un amor que contamina
¡ay! me sube la bilirrubina