31/07/07

Plan de Emerxencia Exterior de Reganosa



Xa podedes descargar aquí o Plan de Emerxencia Exterior de Reganosa. Resulta curioso como novamente amputan os mapas por onde máis lles convén: antes borrábanlle a entrada á ría, agora borran parte do Penedo. Tamén é de coña que os "elementos de valor histórico, cultural ou natural" sexan o Castelo da Palma ou a igrexa de Franza, sen mencionar o importante xacemento de Caldoval que xa destruíron, o de Santa Lucía, que podería verse afectado na pretendida ampliación a catro tanques, ou o de Noville, que o teñen na outra beira da enseada da Barca.

26/07/07

Os veciños de Meá (día 4)



Mañá venres ás 12:00 os veciños de Meá terán unha entrevista con Francisco Barroso Palomino, Director da Área De Industria e Enerxía da Coruña, organismo provincial dependente do Ministerio de Industria que ten a competencia para aprobar ou non a autorización definitiva de funcionamento que Reganosa ten que solicitar. Ás 18:00 convocan a todos aqueles que queiran achegarse ata o Concello a unha rolda de prensa para informar dos avances conseguidos. Ficades convidados.

10/07/07

Colleita do 77



Esta é unha convocatoria a tódolos que, nacidos no 1977, pasamos a nosa infancia no patio de recreo do «Unión Mugardesa». Nós, a Colleita do 77, chamamos a filas a toda a quinta nun brinde dos que a meirande parte son sabedores da súa xestación. Hoxe si, hoxe o brinde ten día, hora e lugar. Se ti que les isto non és da miña quinta, pero coñeces a alguén dela, por favor, faillo saber. Non pode faltar ninguén!

03/07/07

400 metros



Recibo o mércores 27 de xuño, na sobremesa, unha chamada ao teléfono da casa. Do outro lado unha voz de muller pídeme 5 minutos para respostar a unhas preguntas. Na primeira delas quere coñecer o que para min son os tres principais problemas de Mugardos: "o primeiro a planta de gas". Tivo a súa graza, porque a partir de entón o resto das preguntas estaban claramente direccionadas para obter as respostas desexadas, sen moita marxe para as posturas críticas: que se coñezo o plan de emerxencia de Reganosa, que se a planta de gas creará postos de emprego, que se creo que Galicia precisa dunha industria deste tipo... Pregúntolle para quen é a enquisa e contéstame que ela non o sabe. De risa. Imaxínoo, inda que tanto me ten, había de contestar o mesmo. Pregúntolle entón se se vai interesar sobre o que opino da entrada e saída de buques cargados de GNL na ría, ou sobre o sistema de regasificación con 300.000 m³ diarios de auga do mar. Non, claro. Con todo, a conversa con ela é cordial. É unha curranta, así que facilítolle o traballo e procuro perder o menor tempo posible, que eu tamén teño presa. Ao final unhas pequenas confidencias en off e un "moitas grazas". Falaba galego.
Hoxe aparece na prensa que a Consellería de Presidencia vai aprobar en breve o plan de emerxencia exterior de Reganosa. Entón xorde a dúbida ¿Como carallo me preguntan se coñezo un plan que aínda non existe? E non será por non terllo pedido por escrito ao Alcalde.
Estase a comentar polo pobo que a enquisa fixéronlla aos veciños que vivimos nas proximidades da planta de gas e que incluso nalgúns fogares quixeron sondar a opinión de varios membros. Todo moi natural...
P.D.: Abstéñanse de enviarme correos coaccionantes. Dame a risa con eles.
P.D. 2: O que vedes representado na imaxe de satélite é o límite que marcan os 400 metros "de seguridade" respecto do perímetro de Punta Promontorio. Non son "unha ou dúas casas" precisamente...