29/12/06

Tendinitis



¡Atopei quen me venda camisolas por internet! De momento meto os "I love GM", que foron moi demandados. Os dous seguintes posiblemente sexan o trisquel á mugardesa e o jogo bonito. A ver que se vos gustan...

24/12/06

Solteiros 4 - 6 Casados



Menos mal que non había control anti-doping ao final do partido :)

P.D.: Non pillei que tiña que ver o dos piercings vaxinais cos casados.

13/12/06

A. Rivas: «Vida»



Fundada no 2000, a Asociación Cultural Bezoucos comezou nese mesmo ano con moita forza publicando o nº1 do seu voceiro «Cousas» e argallando para o verán un Festival Solidario con Etiopía. Tamén durante o verán espuxo na Casa da Cultura de Mugardos a obra inédita da artista naronesa A. Rivas. Deixareivos algúns retazos daquela interesante visión conceptual. Velaquí o primeiro deles.

12/12/06

¡Ámote Mundo!



Cada quen é froito das súas circunstancias. Cando neno tiven a sorte de gozar de mestres como Antón Cortizas ou Agustín Fernández Paz. Aportáronme moito máis que o simple coñecemento da súa materia e, en moita máis medida do que eles poidan imaxinar, débolles o que hoxe é a miña profesión. Os da quinta do 77 que pasamos polo «Unión Mugardesa» non estudiabamos polos libros de texto de «¡Ámote Mundo!» no que eles traballaron, pero deixamos a nosa pegada nas súas páxinas. E para mostra, velaquí tendes: consigo distinguir a Silvia (co chandal da S.D. Montefaro), María Herminia, Jesús, Javi, Jorge e Sandra. Tamén pululo eu por aí facendo que estudio. Moito conto.

Como chega o nadal é tempo de brindes. ¡Polos vellos tempos!

05/12/06

Galiza de Mugardos



¡Toma vesión reivindicativa! A verdade é que saio da XII Asemblea Nacional como novo, cunha ilusión tremenda, así que non lle dou posto o freo á cabeciña e saíume isto. ¿Farei camisolas?

30/11/06

As contas da leiteira



¿Haberá alguén que me poida explicar porque para a Real Federación Gallega de Fútbol (sic) o Galicia, malia ter maior diferencia de goles e máis partidos gañados que o Dubra, fica por debaixo na clasificación?

Muito obrigado.

27/11/06

Breve cursiño para conducir por Mugardos (XI)



Perigo: macarras

Perdoade por tardar tanto en publicar unha nova entrada, e perdoade que sexa de novo referente ao tráfico pero é que estou farto, moi farto, de toda a macarrada que teño que aturar cada vez que volvo a casa, xa sexa pola estrada do Seixo ou pola vía-como-se-chame. Que si veñen detrás túa a 50 cm. durante todo o puñetero camiño, que si pretenden adiantarte ao mesmo tempo que ti estás adiantando a un deses que collen a via-como-se-chame para ir a 50 km/h ou mesmo circunvalando as rotondas da Barca, que se subes polo Galiñeiro cara o Penedo e se te cruzan sen mirar para meterse no camiño a Reganosa...

En fin... unha lacra.

15/11/06

¿Via... que?



Menos mal que xa non se chama "Vía rápida" porque eu estaba por rebautizala como "Vía lenta". ¿Cantas veces metedes segunda chegando a Vilar do Colo?

14/11/06

Retablo da igrexa de San Xiao



Eu de misa nunca vos fun, que nin comuñón fixen, máis pretendo ser persoa sensible á arte, que para iso malvivo da súa versión comercial. Fai pouco, por cousas do traballo, tiven ocasión de sacar esta foto e pensei que sería unha mágoa non compartir a beleza do retablo da igrexa de San Xiao de Mugardos con todos os que nin poden nin queren ir a misa das 10.

11/11/06

Sábado de manifestación




Hoxe en Ferrol o Comité Cidadán de Emerxencia organizaba unha manifestación para reclamar a paralización do proxecto de dragado da entrada da ría para facilitar o paso de gaseiros. Nos comentarios tendes o seu manifesto.

09/11/06

06/11/06

Overbooking na Avenida Bello Piñeiro



Polo visto, a plantación de árbores en Bello Piñeiro provocará un agravamento do xa complicado problema de aparcamento que existe nesa avenida (como ben podemos apreciar na fotografía). Ás veces rozamos o esperpento...

Nota: Aclaracións do BNG respecto do acondicionamento da Avenida Bello Piñeiro

05/11/06

Infiltrados



Scorsese aínda non sabe ben o que é ínfiltrarse entre coches. Os máis vellos do lugar lembran que houbo un tempo no que os peóns paseaban polas beirarrúas e os coches circulaban pola estrada. Un día atropelarán a unha nai que tivo que baixar ao asfalto co carriño do seu bebé e daquela botarémonos as máns á cabeza... Mentres tanto, os pelocenicero e demais fauna seguirán campando libremente.

02/11/06

Cando fomos os mellores



O lento devalar demográfico de Mugardos comezou coa posguerra pero acentuouse durante a década dos 90. Os libros de texto cos que eu estudiaba EXB traballaban con estatísticas de comezos dos 80 nas que Mugardos era, logo da Coruña e Ferrol, o concello con maior densidade de povoación de toda a provincia. As cousas mudaron dende aquela. A construcción naval concedeulle a Fene o título de capital da marxe sur da ría que antes era noso. Todos coñecemos o que o PSOE fixo daquela con ASTANO. Fene sumiuse na súa particular crise arrastrando a toda a bisbarra. Os veciños de Ares e Cabanas, no sur de Bezoucos, iniciaban a súa recuperación ao tempo que os do norte peninsular entrabamos en caída libre. Con todo, hoxe esa tendencia descúbrese contaminada de escándalos urbanísticos.

Cuando fuimos los mejores
Loquillo y Los Trogloditas

31/10/06

El e ela tamén son mugardeses



Cabalo e pega, pega e cabalo. Máis concretamente veñen sendo da parte de Boado. El no inverno non pasa frío.

29/10/06

O Samaín está aquí



Non vou ser orixinal: os tempos en que a globalización proxecta unha imaxe cada vez máis homoxénea da xuventude provoca unha das aberracións culturais máis traumáticas ao meu xeito de entender o mundo. Ata eu, de neno, fixen as miñas caliveras con cabaza e vela nos tempos do magosto e sen referencia ningunha de modas estranxeiras. Son consciente de que a tradición colleume nos seus estertores. Hoxe os Alcampos/Corteingleses fenden no samaín panfletos publicitarios para que os nenos consuman productos "Halloween". Cónstame que teñen éxito. Renegamos do que realmente somos e acollemos imitacións da nosa propia cultura. Verdadeiramente kafkiano. Malia todo, comezase a percibir un certo traballo de recuperación, unha loita natural pola supervivencia da identidade. Os centros educativos terán que xogar un papel fundamental para que as vindeiras xeracións poidan seguir aportando un xeito propio de ser e estar no mundo ao resto da humanidade.

23/10/06

Artritris no ranking Google



PaRaMeter é a abreviatura de "Page Rank Meter" e, como o seu propio nome indica, é unha pequena utilidade que te permite comprobar o "page rank" que ten unha páxina web. O page rank ven sendo un número, nunha escala do 0 ao 10, que amosa a importancia dunha web no Google, baseándose no número e calidade dos enlaces que apuntan a esa web.

E nesas estaba eu cando, ¡oh, sorpresa!, descubro que www.mugardos.org obtén un dignísimo 4, á altura da web de Ferrol, por exemplo. O vello Mugardos na Internet tamén resiste cun 2. O Concello de Mugardos acaba de estrear a súa web, así que ímoslle dar tempo e veredes como gaña posicións.

20/10/06

A Mugardos voy



A Mugardos voy ligerito caminando
Y con mi paragüitas por las aceras yo voy andando
A Mugardos voy ligerito suspirando
Por mi niña Rosa que en la Areosa me esta esperando

Voy subiendo montañas cruzando valles siempre cantando
O Verde me acaricia por que a Galicia ya estoy llegando

A Mugardos voy...ligeriño
A Mugardos voy...camiñando
Como un peregrino por el camino de la ilusión
A Mugardos voy...a Mugardos voy
A Mugardos voy...a Mugardos voy
Y con mi Rosa en la Areosa me quedo yo

17/10/06

Os gases da planta de gas



Chego de pasar a fin de semana nas Rías Baixas papando marisco e atópome con que a Reganosa lle arde un tanque. Claro que lendo La Voz a un sempre lle queda a dúbida porque polo visto tratábase dunha simple "combustión". Non se explican entón as queixas dos veciños do Penedo. Claro que falando de La Voz eu xa pasei a fase de mosqueo respecto da súa política informativa sobre a planta de gases e agora estou en plena etapa de cachondeo. Simplemente xa non os tomo en serio. Gaño en saúde.

10/10/06

Listas paritarias



Achéganse as eleccións municipais e comeza a escoitarse falar de listas paritarias e da reforma da lei electoral galega. Un bo momento para facer repaso das candidaturas que os partidos políticos presentaban neste concello no 2003 e facernos idea de quen ten máis traballo por diante para o 2007. Por certo ¿e vós que opinades do tema?

08/10/06

Mugardeses ilustres: Lino Braxe



Pois xa que estamos co teatro, teriamos que lembrar que o director da primeira adaptación ao galego da obra de Shakespeare «Hamlet» chámase Lino Braxe e tamén é mugardés.

05/10/06

A miña muller é o fontaneiro



A última das representacións deste ciclo de teatro do Casino Mugardés chega da man da compañía «Ad Libitum». «A miña muller é o fontaneiro» é unha comedia que nos conta "as andanzas dun fontaneiro que se reencarna na muller (que morreu hai un ano) do dono dun piso no que está a traballar". ¡E Mugardos ten a honra de acoller a súa estrea este sábado 7 ás 20:30!

03/10/06

Mugardópolis



Pola rede circula unha versión caralletas do «Monopoly» chamada «Cascopoli» que fai tempo apareceu no meu buzón de correo. Como caralletas eu tamén son un pouco e teño esa visión mugardoscéntrica do universo que reza no título deste blogue, púxenme máns á obra e saíume este «Mugardópolis». Feito xa leva tempo, haberédevos de decatar en detalles como o Tirabeque ou Cristina a dos xurelos. Para ela unha sentida homenaxe.
Nota: O arquivo está en PDF preparado para imprimir en A3.

02/10/06

¿Coincidencia?



O encargado do deseño da imaxe do novo partido Terra Galega (que probablemente presente como candidato na vila a Manuel Fariña) non fixo traballar moito os miolos. ¿Son cousas miñas ou parécese moito á imaxe do EAJ-PNV? ¿Haberá máis coincidencias que as visuais?

28/09/06

Non lle busques tres pernas, ó alcalde



Esta sábado 30 o teatro regresa ao Casino Mugardés da man do «Grupo de Teatro Amistade», de Santa Mariña (Ferrol). Desta volta a obra titúlase «Non lle busques tres pernas, ó alcalde» e trata dun alcalde mullereiro e borrachín que perde algo unha noite e non para ata que consigue encontrar o que perdeu.

Poema a Mugardos



Recibo un correo de Luis E. Prieto Vázquez, un melillense que como el me di "quedou prendado de Mugardos", e dedicounos este poema:

Cuando amanece
se visten las rúas de vieiras
y el mar en gotas
juega a ser confidente de los verdes
y los pulpos,
los cruceiros
-impenetrablemente caminantes-
se echan a andar con las mareas
humedecidas del asfalto:
la niebla
sonroja los gritos recelosos
de las gaviotas de la Ría,
los sargos
celebran el canto de la lluvia,
y todo huele a noche acariciada.

Olores de prados y salitres
ocultan al sol entre los montes
aguardando el despertar de las hortensias,
penélopes confusas
entre verticales y horizontales aguas.

Cuando amanece
el mar se torna nécora
y los castaños almejas caminantes.

Luis E. Prieto
Agosto-06
Mugardos- A Coruña- Rías Altas

27/09/06

Google Analytics



Sorprendente o servizo de análise de visitas que nos ofrece Google gratuítamente. O que vedes sobre estas liñas é simplemente unha mostra (neste caso a orixe das visitas a este blogue).

23/09/06

III Ciberencontro Kernel 2006



O «III Ciberencontro Kernel 2006» semella todo un éxito logo de que semanas antes do seu comezo completasen xa as 70 prazas que a Concellaría de Mocidade e a Comunidade Linux «O Zulo» puxeron á disposición dos e das participantes na Casa da Cultura. Mugardos comeza a ser un exemplo a seguir na bisbarra no eido das novas tecnoloxías.

22/09/06

Casado de día, solteiro de noite



A compañía de teatro «Teruca Bouza» do Seixo interpreta este sábado 23 a partires das 20:30 horas no Casino Mugardés a comedia «Casado de día, solteiro de noite», que xira darredor dun matrimonio que comeza a ter problemas e para intentar amañalos deciden contar co seu amigo.

20/09/06

Ela tamén é mugardesa



Xa coñecedes a historia de Seixo, a foca de capelo (Cytstophora cristata) que apareceu no lugar do mesmo nome. O 18 de agosto a SGHN e a CEMMA liberábana en Marín. Ela, por suposto, dende agora tamén é mugardesa.
Graciñas a Lolo pola foto.

18/09/06

Mes do teatro en Mugardos



Os compañeiros de «Max Teatro» anuncian moita activiade na vila para as vindeiras semanas. Fareime eco, andade atentos...

14/09/06

¡O Concello xa ten web!



Xa podemos pasar páxina respecto daquel lamentable www.mugardos.net. A nova web do Concello de Mugardos é www.concellodemugardos.org, ten sindicación de novas por RSS e cumple cos estándares da W3C en canto a estrutura, deseño e accesibilidade (WAI-AAA), algo que non consiguen cidades como Ferrol ou A Coruña.
Que cunda o exemplo.

13/09/06

28/08/06

¡Saben de ti, Pancho!



Si, Pancho, a xente sempre falaba do Foucellas, pero eu medraba escoitando a túa historia. Hoxe Pilarita sostén a túa foto na portada dun xornal, a José Manuel retrátano dentro e os Anido lembran onde te agochaban. Todos falan de ti, Pancho. Agora todos saben que ti fuches o último fuxido, que estabas ti só, que os demais marcharan ou morreran. E os dous sabemos, Pancho, que aquel día no que remataba o 54, na Mediña, cando entrabas na casa de Celestino, serías o derradeiro.

Para María Alicia Martínez Leira, do teu bisneto, alí onde esteas.

26/08/06

Dragón Peta



Cambieille a mesa ao PC e buf, o que saíu de alí! Entre outras moitas cousas, atopeime con folios que levan máis dunha década cheos de presuntas cancións e poemas dun grupiño de rapaces de 3º de BUP que nos sentabamos no fondo da clase. Os que pasaron polo instituto entre o 95 e 97 poida que lembren aquel grupo chamado "Dragón Peta" que perpetraramos nas clases de Física. "O novo sistema de taquillas implantado no Instituto por Alfredo polo que pedímo-la súa dimisión", "A pava aresana é a máis enana" ou "Os bocatas pringosillos do segundo recreo en Chumari" forman xa parte da microhistoria do Instituto :) Deixarei nos comentarios unha pequena escolma...

24/08/06

Horario de lanchas



Pasaba por alí e pareceume que, aínda que moi cutre, podería ser unha foto "útil".

10/08/06

Marthyrium



Mugardos sempre foi terra heavy e unha boa mostra a tivemos no Peirao Rock organizado polo Concello. Marthyrium foi un dos grupos participantes, xunto con Lied, Dark Inside, Wisdom e Trashnos (se sabedes das webs dos outros grupos apuntádemas, please).