24/12/04

Au revoir, vandale

Non sei o que pasará aí fora, pero aquí dentro as cousas van cambiando, ás veces non tan a modo. As prioridades xa non son as mesmas que naquel mes de Agosto do 2002, cando naceu Mugardos en Internet. Entre aquel día —en que co fervor do sangue e o chisquiño de coñecemento deste mundiño web que vos tiña naceu aquela pequena páxina— e hoxe —no que os coñecementos van algo máis alá e o sangue, se ferve, ferve noutros lumes— pasaron algunhas cousas. Entre elas unha que resultou ser determinante foi a decepción de ver nidiamente o canivalismo que padece, cando menos, esta bisbarra que non é quen de vivir á marxe do vandalismo ideolóxico, moito máis perigoso e frustrante que ese que deixa cicatrices nas rúas cada fin de semana.
Terei que falar algunha vez dese fenómeno. Hoxe non. Hoxe vai ser abondo con saudar esta nova etapa. Abrir a fiestra, coller aire, e botar a andar polo mundo adiante. Hai cousas que pagan moito máis a pena.